Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Xunta expón un estudo con distintas alternativas para mellorar o abrigo no peirao de Corcubión

284A8012
A Xunta expón un estudo con distintas alternativas para mellorar o abrigo no peirao de Corcubión

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, mantivo na tarde do martes, 22 de xullo, unha reunión con representantes da confraría de pescadores de Corcubión na que lles anunciou que Portos de Galicia vén de pechar a redacción da primeira fase do estudo de alternativas para a mellora do abrigo no peirao da localidade. A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas, presentou o documento técnico ao sector nun encontro celebrado na sede da confraría.

O estudo elaborado polos técnicos de Portos de Galicia recolle a descrición da situación actual do porto a nivel de axitación portuaria, o deseño de posibles alternativas de abrigo e a súa eficacia, unha análise básica das posibles solucións e unha primeira aproximación orzamentaria. Este documento, explicou Rosa Quintana, senta as bases para que os profesionais do ente público e os distintos axentes portuarios poidan consensuar posteriormente a alternativa máis adecuada ás necesidades do sector tendo en conta aspectos como a afectación á dinámica litoral, a axitación ou o investimento requirido.

As posibilidades que se presentan no informe son catro. A primeira alternativa pasa pola construción dunha nova dársena a continuación do peirao de Quenxe. A segunda consistiría na construción dun dique de abrigo no peirao exterior do porto de Corcubión. Como terceira opción exponse a utilización da zona abrigada pola explanada actual e un dique aboiante. Finalmente, a alternativa número catro contempla a utilización da zona abrigada pola explanada actual e un dique convencional de gravidade.

A conselleira do Mar en funcións tamén anunciou durante o encontro que proximamente haberá unha reunión técnica entre os responsables de Portos de Galicia e os representantes do sector profesional e náutico-recreativo que operan no peirao de Corcubión para valorar as conclusións destes estudos.

Segundo indican, o obxectivo final de actuacións coma esta é mellorar o estado das infraestruturas portuarias e facilitar o traballo diario dos profesionais do mar, o que redundará na mellora dos seus resultados económicos e na xeración de riqueza e emprego tanto no conxunto do porto como na súa contorna.  

Comentarios