Arrincou o Obradoiro de Emprego entre Carballo e Coristanco
Arrincou onte no Fórum Carballo o "Obradoiro Lubiáns", o primeiro obradoiro dual de emprego compartido entre os Concellos de Carballo e Coristanco co que arrinca unha experiencia de colaboración á que pretenden darlle continuidade.
Responsables municipais achegáronse para recibir aos 15 alumnos e alumnas que inician a súa formación xa como traballadores e traballadoras, cos dereitos e obrigas laborais correspondentes.
O curso daralles unha profesión ao alumnado/traballador, desta volta, na modalidade de carpintaría, aproveitando as espectaculares instalacións do Fórum carballés, "unhas instalacións únicas en Galicia", como recoñeceu o rexedor carballés.
“En Coristanco sería impensable que tivésemos unha experiencia coma esta sen a xenerosidade de Carballo”. “Carballo sigue sendo un tractor para Coristanco, e iso é positivo para os dous”, apuntou o rexedor coristanqués Juan García.
O Obradoiro Lubiáns, do que forman parte 8 mulleres e 7 homes, é un proxecto subvencionado pola Consellería de Emprego con 308.946 euros e que permitirá formar na especialidade de carpintaría de madeira a 15 persoas desempregadas dos concellos Carballo e Coristanco. A parte práctica do proxecto consiste na fabricación e renovación de mobiliario para edificios públicos dos dous concellos: no de Carballo, os centros sociais de Bértoa, Entrecruces, Verdillo e Artes, e no de Coristanco, os centros sociais de Cereo, Erbecedo e Oca, así como o exterior do Museo da Pataca de Santa María de Traba e do complexo deportivo e escolar Xosé Pichel.
A duración dos obradoiros duais de emprego está establecida en nove meses, ao longo dos cales as persoas participantes terán un contrato de traballo de formación en alternacia, polo que percibirán o salario correspondente.