Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O CEIP Bormoio-Agualada abre as súas portas: Como é unha pequena escola do rural costeiro

CEIP Bormoio Agualada
O CEIP Bormoio-Agualada abre as súas portas: Como é unha pequena escola do rural costeiro

Falabamos a semana pasada da importancia das Xornadas de portas abertas nas pequenas escolas e colexios do rural costeiro, para demostrarlle ás familias que son o auténtico tesouro do sistema de ensino público

Un deses centros marabillosos é o CEIP de Bormoio-Agualada, que este curso conta con 53 nenos e nenas de Coristanco e Cabana, unha cifra bastante menor da que tiñan hai anos, pois a cantidade vai minguando ano tras ano.

A día de hoxe contan con 4 aulas organizas do seguinte xeito:

  • 1 aula de Educación Infantil: de 3 a 6 anos.
  • 1 aula de 1º e 2º de Educación Primaria.
  • 1 aula de 3º e 4º de Educación Primaria.
  • 1 aula de 5º e 6º de Educación Primaria (con desdobre nas materias de lingua galega, castelá e matemáticas).

”Tras o acordo da Xunta cos sindicatos respecto as ratios, o vindeiro curso é posible que se abran máis aulas. Por iso dende o centro queremos animar ás familias a que se acheguen a ver o noso centro. Cómpre destacar as ratios baixas do noso centro, isto permite unha atención moi personalizada e adaptada a cada neno e nena” explica a comprometida directora Olalla Formoso.

Cociña propia

O Centro fachendea dunha das cousas máis valiosas que fan destes centros rurais uns privilexiados: ten cociña propia e un menú equilibrado con produtos locais, como podedes comprobar no IG https://www.instagram.com/comedoragualada/>@comedoragualada.

Bus escolar

Lembran ademais que o transporte escolar de balde é de balde, e de bus ten paradas (poderíase ampliar en función da demanda) en Brenlla, Ribela, Esternande, A Furoca, Castro, Lume de Suso, A Costa, Porto, O Outeiro-Agualada, A Mata, Camfreita, Padrín, Rueiro, Grandiña, Rial, Figueroa, Rempenín, A Piolla, Palleira, Igrexa e Nantón.

Horta

O centro conta con moitas zonas verdes e un horto escolar.

Ademais, presumen de patios dinámicos e inclusivos: con xogos como a mariola, twister, rocódromo. Tamén se fomenta os xogos deportivos cooperativos: voleibol, baloncesto, brilé, a comba… Do mesmo xeito, contan con moitos monopatíns e triciclos.

Biblio

Outro dos puntos fortes do centro é a Biblioteca escolar: con moita diversidade e fomentando a dixitalización no centro. Este curso o alumnado fará obradoiros sobre programación e radio escolar, que podedes ver en clubedelecturabormoio.blogspot.com.

Innovación

Un centro así de pequeno permite que as mestras teñan liberdade para innovar, como fan as responsables de Infantil, que traballan, a través de proxectos, cunha metodoloxía moi innovadora onde a experimentación e a manipulación é a clave principal.

Fan tamén actividades complementarias: obradoiros de cociña, percusión, excursións á Coruña, Santiago, Galipark, revista escolar…

Podedes visitar o centro tamén no IG @ ceipbormoioagualada, no Facebook “CEIP de Bormoio-Agualada” ou na súa web.

Xornada de Portas Abertas do CEP Bormoio Agualada

Período de admisión

O periodo de admisión é do 1 ao 20 de marzo.

admision alumnado centros publicos

Máis novas

Comentarios