Luns. 29.04.2024
El tiempo

Investidos máis de 770.000 € na senda peonil que une Coristanco e Carballo

As sendas garanten a accesibilidade e favorecen a mobilidade da veciñanza
Investidos máis de 770.000 € na senda peonil que une Coristanco e Carballo

Se todo vai sobre o previsto, o próximo mes de outubro quedarán rematadas as sendas de Montecelo e Bormoio que unirán os concellos de Coristanco e Carballo a través dun itinerario continuo de 4 quilómetros e no que a Xunta de Galicia fará un investimento de 777.000 euros. Así o avanzou onte a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que visitou a zona xunto co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, que supervisaron os traballos en execución destes 1,3 km de sendas nas marxes da estrada autonómica AC-552, co fin de favorecer os desprazamentos a pé dos veciños cara ao centro comercial.

Trátase de 2 novas sendas, en Montecelo e en Bormoio, que darán continuidade ao itinerario de 2,5 km que a Xunta puxo en servizo a comezos do ano pasado en Carballo, desde a saída dese termo municipal ata o inicio das beirarrúas de Coristanco, no que investiu 1,1 M€.

Estas sendas estánse a executar en formigón coloreado, para facelos máis visibles aos condutores, e en cor terriza natural, para unha mellor integración na zona. As sendas son de uso mixto, aínda que pensadas, fundamentalmente, para o tránsito peonil, e cun ancho mínimo de 2 metros, o que garante a accesibilidade e favorece a mobilidade dos veciños.

Ampliación da ponte da Agualada

Con respecto ao segundo treito de senda no núcleo de Bormoio, a titular de Infraestruturas da Xunta detallou que se trata dun itinerario de 560 metros, que vai pola marxe dereita da estrada, unindo Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi. Neste caso, segundo precisou, para garantir a continuidade no paso polo río Calvar faise necesario ampliar a ponte mediante voadizo, para integrar na plataforma o espazo para darlle continuidade á senda nese punto. Esta é a intervención que resta, xunto con pintura e sinalización. Ethel Vázquez sinalou que nestes momentos estase a traballar en fábrica neses elementos necesarios para o voadizo. Concretou que a finais deste mes de setembro se espera recibir en obra os prefabricados para comezar a executar a senda integrada na plataforma da ponte. Estas intervencións completáronse coa mellora da drenaxe onde xa había rede de pluviais, e onde non había, dotando colectores e pozos de rexistro, necesarios para a conexión cos sumidoiros. Onde foi necesario executáronse pequenos muros de contención de altura máxima de 1,50 metros.

A titular de Infraestruturas incidiu en que neste momento se está encarando xa o remate das obras, polo que en outubro os veciños de Coristanco terán á súa completa disposición eses 1,3 km de sendas de Montecelo e Bormoio, tras un investimento da Xunta de 777.000 €. As intervencións contan con financiamento europeo dos fondos Feder 2014/2020 e REACT EU.

Comentarios