En marcha as obras para a posta en marcha da abandonada depuradora de Vilaverde
Tremenda é a historia de desdén do Concello de Coristanco coas súas depuradoras. Pioneiras em 2017 pola súa tecnoloxía, foron abandonadas polo goberno popular de Pensado Plágaro, tardaron 3 anos en poñer unha delas en marcha. Pero é que ademais do abandono municipal algunha, como a de Vilaverde, sufríu actos de vandalismo.
Agora, 6 meses despois da petición do novo goberno popular, a Xunta vén de adxudicar as obras de mellora e posta en marcha da mesma depuradora de Vilaverde, que leva paralizada demasiado tempo.
O contrato, adxudicado por preto de 50.000 euros, ten un prazo de execución de 4,5 meses, cun período posterior de 1 mes para a súa posta en marcha.
As obras inclúen a substitución da totalidade dos elementos avariados, así como a mellora da impulsión de cabeceira con bombas que dispoñan de funcionalidades pre-programadas para adaptarse automaticamente ao entorno cambiante das augas residuais. Ademais da instalación das dúas novas bombas, modificaranse as instalacións eléctricas e autómata aos novos equipos.
Nova potabilizadora no Carrizal
Esta nova colaboración co Concello súmase á actuación adxudicada o pasado mes de maio por Augas de Galicia para a redacción do proxecto construtivo de mellora do sistema de abastecemento no concello de Coristanco, cun investimento de máis de 18.000 euros.
Neste caso, trátase de deseñar as actuacións precisas para a reforma da estación de tratamento de auga potable municipal, en funcionamento desde hai preto de 34 anos, que presenta deficiencias e precisa adaptar o seu funcionamento para o cumprimento dos estándares actuais.
Novas relacionadas
- Febreiro 2021: Coristanco pide á Xunta recuperar a abandonada EDAR de Vilarverde.
- Xullo 2020: Comezan as obras para poñer a funcionar a depuradora de Portoquintáns, entregada hai 3 anos ao Concello de Coristanco.
- Xuño 2018: Coristanco esquece as súas pioneiras depuradoras.
- Xuño 2018: Denuncian que o Concello de Coristanco abandona as Depuradoras de Cereo e Valenza apenas un ano despois da súa posta en funcionamento.