Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Panadería Roiser, única produtora da bisbarra do selo IXP Pan Galego

Panaderia Roiser-Coristanco-IXP Pan Galego
A Panadería Roiser, única produtora da bisbarra do selo IXP Pan Galego

Canta xente de toda a comarca paraba, e segue parando a pesar da autovía, en Coristanco, para comprar algo na Panadería Roiser. Os seus moletes, as súas empanadas, as súas larpeiras, o roscón de reis… son coñecidas en toda a Costa da Morte. Unha elaboración cen por cen artesanal e un trato sempre agradable e simpático co cliente fai desta panadería unha verdadeira delicia.

Traballadora panaderia roiser
O trato co cliente é sempre exquisito

Xa foron finalistas da Ruta do Pan de Galicia 2021, e este ano forman parte entre os 14 puntos de venta oficiais inscritas na indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego, como vén de anunciar a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Dende onte a Roiser distribúe pois un produto certificado, tras superar todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Así, venderán as pezas envasadas e identificadas cunha etiqueta numerada na que figura o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa rastrexabilidade en todo momento.

A IXP obriga a empregar fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia entre as que destacan o callobre e o caveiro (“trigo país”). Tamén auga, masa nai (chamada -así mesmo- formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico.

Novas relacionadas

Comentarios