1.000 postos de traballo arredor do Solpor


Con máis de 120 socios, a Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía Solpor pasa por ser a asociación máis importante das súas características, é dicir, unha entidade empresarial directamente vinculada co Camiño. A chegada da nova directiva, comandada por Jesús Picallo, parece que está servindo de acicate para continuar o proceso de espallamento. Mentres, cada vez máis negocios queren unirse á ela, sobre todo albergues, hoteis e restaurantes pero tamén taxistas, inmobiliarias, distribuidores, talleres...
Deste xeito, a día de hoxe valoran que hai uns 1000 traballadores que se aglutinan arredor desta prolongación do Camiño e pertencen directa ou indirectamente a Solpor.

A entidade vén de adherirse ao Clúster de Turismo de Galicia que busca potenciar a marca Galicia como destino turístico forte e situalo a escala global. Tamén recentemente, Solpor solicitou formar parte do GALP Costa Sostible, que comprende a Ría de Muros- Noia e o sur da Costa da Morte, buscando conciliar os sectores da pesca e o turismo á vez que se mantén a sostenibilidade do territorio.
Ambas adhesións supoñen un impulso na visibilidade de Solpor como punto aglutinador de negocios e danlle voz nas accións futuras destinadas a mellorar o turismo e a competitividade de Galicia neste sector.
Paralelamente, a entidade imprimiu 30.000 novos mapas e 100.000 credenciais, e tamén teñen en marcha unha nova web, a piques de lanzarse, que aspiran “se converta no punto aglutinador de información sobre o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía en internet”.
A Asociación anima aos empresarios da zona a unirse a través do correo electrónico caminodosolpor@gmail.com.
Novas relacionadas
- Marzo 18: Solpor xa ten nova Xunta Directiva.
- O Camiño Fisterra-Muxía contará cunha oficina de información na Porta do Camiño de Santiago.
- Decembro 16: Solpor presentará en Fitur o camiño de Fisterra-Muxía.
- O camiño de Fisterra-Muxía xa ten credencial e mapa propios
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).