Martes. 16.04.2024
El tiempo

As xornadas ‘Cómete o Mar’ contrarrestan a meteoroloxía coa “mellor despensa que ten Galicia”

As xornadas ‘Cómete o Mar’ contrarrestan a meteoroloxía coa “mellor despensa que ten Galicia”
As principais localidades dos nove concellos participantes en `Cómete o Mar´ (www.cometeomar.com) están a contrarrestar os negativos efectos das inclemencias meteorolóxicas coa ampla e variada oferta gastronómica que ofrecen os preto dun centenar de establecementos de hostalería que decidiron incorporar aos seus menús e tapas os productos mariñeiros elixidos polas confrarías para estas xornadas, é dicir, polbo, mexillón, berberecho, navalla, raia, xurelo, sardiña, congro, longueirón, ourizo ou centola. Un claro exemplo do bo arranque da iniciativa do Grupo de Acción Costeira 4 está a verse nas demostracións de cociña que onte abriu Pepe Solla na Praza de Abastos de Muros e que hoxe teñen como protagonista a José Manuel Túñez, gañador do concurso ‘De tapas e pinchos por Galicia´ do ano 2009, no Club de Xubilados de Noia. Se onte, ante decenas de persoas, Solla aplaudiu a idea do GAC porque “a mellor despensa e a que temos máis preto é o mar”, esta tarde foi Túñez o que enxalzou os produtos destas costas e incidiu na riqueza da propia auga de mar, que cualificou de “ouro líquido” e que utilizou, ben como elemento culinario, ben para potenciar o sabor, nos seus preparados. José Manuel Túñez ofreceu para degustar 50 tapas de cada unha das súas receitas, en concreto, unha crema de mexillón con cuscús crocante de pan de millo e redución de modena, berberechos da ría con espuma de limón e ceboliño, polbo á brasa con crema de cachelo crocante de grelo e sal de pemento picante, e raia precocida escabechada con navizas e espuma de mar. Tapas por toda a Costa Paralelamente a estas demostracións e á animada degustación de menús e tapas polo centenar de establecementos hostaleiros dos concellos de Porto do Son, Noia, Outes, Muros, Carnota, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra, continúan desenvolvéndose numerosas actividades ligadas ao mar e a tradición e cultura mariñeiras. Deste xeito hai rutas que permiten ver o traballo das mariscadoras, contemplar unha antiga construción mariñeira hoxe rehabilitada como museo, participar nunha xornada de pesca cos mariñeiros, observar o funcionamento dun porto pesqueiro, saír nun veleiro a degustar produtos do mar ou coñecer o proceso de cría do mexillón. Visita á Lonxa O programa sumará hoxe outras actividades, como unha visita guiada á lonxa de Fisterra e a exposición e poxa de peixe e marisco, outra visita ao Castelo de San Carlos, tamén de Fisterra, ou unha xornada de pesca con mariñeiros de Lira e outra coa frota de cerco de Portosín. A terceira e última demostración de cociña, a cargo dos irmás Xosé e Xoán Cannas, terá lugar ás 18:00 na Lonxa Nova de Fisterra, e consistirá nunha maridaxe dos produtos de mar con viños galegos.

Máis información

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do GAC.

Comentarios