Un #25N con moita actividade e pouco dato
- O #25N vívese nas escolas e nos Concellos
Está cargada a Axenda do #25N en QPC. O Día Internacional contra a Violencia de Xénero vívese, sobre todo, nos centros de ensino e arredor dos Concellos, que si que manteñen viva esta loita social. Son poucos os Concellos que non artellan unha charla, un obradoiro, unha exposición, unha andaina, unha concentración…
Un compendio de actividades que se complementan coas concentracións cidadás convocadas en Cee e Carnota polas organizacións feministas.
Pero o foco tamén hai que poñelo nos centros escolares, onde levan todo o mes realizando actividades arredor desta data. Iniciativas como o corto realizado polo alumnado de 1º CSAF no IES Terra de Soneira son dignas de mencionar.
Moita actividade, e pouco dato
Pero a realidade é que os programas municipais non afondan no asunto de xeito cuantitativo. Hai pouca análise da situación real que viven as nosas mulleres. Os Centros de Información á Muller, como comprobamos a comezos de ano co de Zas son os que teñen a información directa, pero apenas teñen visibilidade pública.
Apenas o Concello de Carballo, cunhas xornadas para profesionais moi completas, e o Concello da Laracha, analizando unha enquisa que vén de realizar co gallo do Plan de Igualdade, afondan algo nas cifras.
Nós intentaremos afondar a vindeira semana cun programa especial #QPCtv.