A Asociación Forestal de Galicia amosa a súa preocupación polo descoido da Xunta na xestión da madeira queimada


A semana pasada a Asociación Forestal de Galicia mantivo, en Dodro, unha reunión con comunidades de montes socias de Arousa, Barbanza e Costa da Morte. Unha cita que serviu para compartir a preocupación nas comunidades de montes polo descoido da Consellería de Medio Rural na xestión da madeira queimada sen valor comercial. Sinalan que tras a vaga de lumes de outubro, a Administración convocou axudas para a retirada da madeira non comercial co compromiso de resolver as solicitudes antes do 31 de xaneiro, pero os expedientes continúan sen resolver.
Tendo en conta o preto que está o inicio da época de alto risco de lumes, a partir do 31 de maio, “non se entende a lentitude da Administración en facilitar a corta e trituración desa madeira”. Ademais, “a Administración comprometérase o pasado outono a executar de oficio a retirada da madeira sen valor comercial que non puideran xestionar as comunidades, pero nada se volveu saber dese compromiso”.
A reunión serviu para deixar patente que o “sentimento das comunidades de montes de estar desatendidas por parte da Administración”. Os comuneiros criticaron “os bandazos que se están a dar na lexislación forestal (cambios nas distancias entre plantacións forestais e vivendas, por exemplo), sen que a Administración lles consulte aos propietarios forestais”. Os montes veciñais atópanse con esixencias normativas que, en moitos casos, é a propia Administración a que as incumpre, tal como acontece nas infraestruturas de comunicación que están baixo a súa xestión ou mesmo nos montes que xestionan en convenio, moitos dos cales se atopan nun “estado lamentable”.

Retirada
Desde a Asociación Forestal de Galicia considérase urxente acometer a retirada da madeira queimada non comercial para previr situacións de ‘selvatización’ do territorio e, como segundo paso, é necesario que a Administración poña en marcha un plan de rexeneración dos montes queimados. Estas esixencias serán un dos eixos principais da reunión que a Asociación ten solicitada coa Dirección Xeral de Ordenación e Produción forestal.Falta de iniciativa
Tamén criticaron os comuneiros que non se puxeran aínda os medios e incentivos necesarios para crear unha cadea industrial que innove, creando gamas de produtos que deriven na apertura de novos mercados e así evitar que a produción forestal só alimente á industria do papel e taboleiro. Nese sentido faise necesario concienciar á sociedade da necesidade de consumir produtos derivados da madeira porque axudaría á mellora significativa dos nosos montes.Novas relacionadas
- Corcubión salvou ás aldeas gracias a outra xestión do bosque.
- A #ILPdoBosque recibe o apoio aos alcaldes de Bergantiños.
- 60 organizacións de toda Galicia lanza unha ILP contra a invansión dos eucaliptos.
- Corcubión declárase como “Concello libre de eucaliptos”.
- Francisco Santiago López: “A inundación de eucaliptos en Galicia é un verdadeiro un desastre medioambiental”.
- Unha Boca de Sapo para que Corcubión se declare “Libre de Eucaliptos”.
- A futura carballeira de Laxe.
- “Se prantamos, ao planeta axudamos”.
Artigos sobre os incendios
- Onde está a orixe da vaga de incendios?.
- Onde está a orixe da vaga de incendios?.
- Desprofesionalizando o Servizo contra incendios dende o primeiro eslabón da extinción.
- A Deputación da Coruña implantará a Xestión Directa dos Parques de Bombeiros.
- Por que os lumes queiman agora máis hectáreas ca nos noventa?.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).