A Axober constata unha leve recuperación do sector da construción
Máis de trinta persoas asistiron á segunda edición do Axober Work Party, que se celebrou o venres pola tarde no Fórum Carballo. Unha cita que serviu para compartir sensacións arredor dos sectores económicos bergantiñáns.
Un dos puntos que máis se trataron foi a recuperación do sector inmobiliario. Unha recuperación valorada que a nivel estatal que parece, segundo os profesionais da zona, tamén empeza a percibirse, aínda que dun xeito máis limitado, na nosa comarca. Os profesionais que participaron no Axober Work Party coincidiron en que hai máis movemento no sector, aínda que centrado en vivendas unifamiliares, naves e reformas. Todo indica que aínda tardaremos algún tempo a volver a ver grandes promocións na contorna, pero se algún concello ten posibilidades de medrar dende o punto de vista inmobiliario é Carballo.
O PXOM
Para empezar, e como explicou Alfredo Garrote Pazos, arquitecto do Concello de Carballo, a recente entrada en vigor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ofrece unha “maior seguridade xurídica” e ademais está a influír nun aumento da solicitude de licenzas. Segundo os datos ofrecidos polo técnico municipal, no ano 2015 tramitáronse 81 expedientes de licenzas (20 delas para vivendas unifamiliares, e 119 comunicacións previas, que se corresponden coas antigas obras menores e que en moitos casos están relacionadas coa mellora de edificios existentes. Estas cifras xa se superaron este ano, con 103 expedientes de licenzas (34 delas para vivendas) e 148 comunicacións previas.
Alfredo Garrote concluíu que, efectivamente, xa se nota a influenza do PXOM e que tamén se está a percibir certa melloría do sector. Dende o seu punto de vista existe, no entanto, unha “sobreoferta clarísima de vivenda colectiva”, polo que considera que se debe apostar polo solo residencial de vivenda unifamiliar en solo urbano, por unha política de rehabilitación de vivenda e por continuar co bo desenvolvemento do solo industrial.
Pero, ademais, introduciu outra clave: o Concello de Carballo está a realizar un investimento en obra pública “moi importante”, con actuacións que están a marcar “unha tendencia na mellora da mobilidade” no casco urbano, “pero tamén nas parroquias”. E ofreceu un dato máis: no orzamento do ano 2017, que está en proceso de aprobación, o 65% do investimento previsto vai destinado á zona rural. O arquitecto expresou a súa “esperanza de que despois do investimento público veña o privado”.
En representación deste último, o promotor e construtor Javier Souto destacou tamén a importancia da aprobación do PXOM. “Polo menos a xente sabe o que pode facer e o que non”, manifestou. O sector inmobiliario está centrado agora mesmo na construción de vivendas unifamiliares e nas reformas, pero dende o seu punto de vista o parón da vivenda colectiva non está tan vinculado a unha sobreoferta -segundo os seus cálculos, en Carballo hai uns 100 pisos á venta- coma á falta de traballo. “Mentres non haxa emprego, a xente non pode comprar”, sentenciou. Por iso considera tan importante que as Administracións aposten pola obra pública, porque xerará emprego “e o demais virá detrás”.
Financiamento
Eladio Varela Pombo, director do Centro Empresas Negocio Inmobiliario Galicia de La Caixa, ofreceu unha detallada explicación sobre as posibilidades de financiamento que existen na actualidade. Despois de recoñecer que agora mesmo as entidades bancarias están a facer a “competencia” aos promotores, tamén asegurou que os bancos están desexando desfacerse dos pisos que teñen. Nese sentido asegurou que non só existen vivendas a prezos excelentes, moi por debaixo do seu custo, senón que estamos nun “momento excepcional para hipotecarse”, xa que hai préstamos hipotecarios ao 2%.
Emprego?
A responsable técnica da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo, Milagros Antelo, pechou as intervencións achegando interesantes datos que tamén poñen de manifesto certa melloría do sector da construción en canto a emprego. Nestes momentos, a construción é “o segundo sector en nivel de contratación”. Nos catro anos que leva en funcionamento a BDT, que se cumpriron este sábado, recibiu ofertas para 50 postos relacionados directamente coa construción, e 23 deles foron cubertos a través da bolsa, previa intermediación con 1.700 posibles candidatos/as.
Pero o traballo na construción xa non está tanto en Carballo ou na comarca coma fóra. De feito, Milagros Antelo destacou que as empresas buscan, preferentemente, traballadores formados en prevención de riscos laborais –o Concello de Carballo está impartindo un curso, precisamente, nestes momentos- e con dispoñibilidade para viaxar por toda España e mesmo ao estranxeiro. Se Raúl Cantorna, secretario de Axober, abrira o Axober Work Party destacando a importancia que tivo construción para a economía local e comarcal, a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que foi a encargada de pechar a xornada, avogou por “aprender do pasado para non cometer os mesmos erros” do pasado. Así mesmo, agradeceu a Axober que promovera esta reflexión conxunta e expresou o seu desexo de que “cada día deamos un paso para adiante e ningún para atrás”.
Fonte
- AXOBER.