Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Comunidade de Montes de Caldebarcos e a Cooperativa de Quilmas alzan a voz dende a terra queimada

A Comunidade de Montes de Caldebarcos e a Cooperativa de Quilmas alzan a voz dende a terra queimada
Imaxe destrutiva na zona de Quilmas-Foto- ADEGA

Aínda está quente o negro chan da zona entre Caldebarcos e Quilmas. Pero xa hai tempo para poñer en perspectiva o que aconteceu esta pasada fin de semana. Hoxe, dúas das entidades con máis peso na sociedade agraria carnotá alzan un berro de desesperación, ante a oleada de lume que acabou coas súas terras. Os seus comunicados son desgarradores, e por iso queremos traelos practicamente íntegros.

A Comunidade Montes de Caldebarcos. Desde Terra Queimada

Estampa negra baixo as faldas do Pindo-Foto-ADEGA

A Comunidade de Montes de Caldebarcos e San Cibrán condena enerxicamente o “grave atentado ecolóxico” que foi o lume do 11 de Setembro de 2013 (11S) e que puxo en grave perigo vidas humanas, vivendas, propiedades e a propia vida no monte, que é a residencia natural de todos os animais e plantas que nel viven e que, ó mesmo tempo, lle dan vida a el.

Unha vez máis a superficie do monte quedou “descarnada” e exposta á erosión desapiadada de ventos e chuvias. É o mesmo que se a unha persoa lle quitan a pel e lle queda o corpo en carne viva, permítasenos a comparanza.

Lamentamos profundamente que os nosos esforzos por manter un monte vivo se vexan truncados de xeito tan drástico e inconsciente.

Todos os nosos proxectos foron atacados na súa raíz: Manter as rutas para poder visitar a maior parte do noso monte, a recuperación dos muíños, a traída de auga e, por suposto, as alvarizas. Todo ameazado!! As abellas, á parte das mortes que xa se produciron nas colmeas e nos cortizos, teñen o agravante de que quedaron sen sustento para o ano que vén, porque non van ter flor. Os cultivos particulares de xente activa que intenta manter produtivos os seus terreos foron calcinados e o lume queimou tamén o traballo das empresas que pretenden saír adiante cos produtos da terra. É moi grave a situación.

Foron nove anos sen arder. Do 2005 ó 2013. Nove anos de traballo e esperanza que se viron truncados nunha noite. Desde que se deixou de traballar o noso monte de xeito tradicional estaba ardendo cada 2, 3 ou 5 anos, como máximo. Desta vez aguantamos 9 anos sen arder. Estabamos satisfeitos e esperanzados, 9 anos, unha cifra histórica, pero o día 11 de Setembro ás 21:36 horas aconteceu a desgraza implacable.

Apoiamos o comunicado público da Asociación Monte Pindo Parque Natural, condenamos sen reservas a quen causou o incendio e esperamos que se lle poidan pedir persoalmente responsabilidades, así como tamén esiximos responsabilidades políticas pola falta de prevención, produto dunha desidia inxustificable.
Sumámonos ó Roteiro reivindicativo de subida ó Monte Pindo convocado para o sábado 28 de Setembro de 2013 con saída do Fieiro, de Caldebarcos e do Pindo. A saída de Caldebarcos será do Supermercado Cruces ás 11:00.

Comunicado da Cooperativa Agrícola Raíña Lupa de Quilmas

Negro quedaron os campos de cultivo de Quilmas-Foto-ADEGA

A Cooperativa Agrícola Raíña Lupa de Quilmas (Carnota) denuncia os graves danos que lle provocou o incendio do Monte Pindo. En concreto, o lume da noite do mércores arrasou coas súas plantacións de árbores froiteiras autóctonas así como cunha de cítricos. Ademáis, queimou as súas colmeas así como parte dos seus invernadoiros. Na práctica, o lume do Pindo queimou toda a superficie agraria de Quilmas e doutras aldeas da contorna.

Dende a Cooperativa Agrícola Raíña Lupa denuncian a falta de axudas por parte do goberno da Xunta de Galicia para paliar os danos desta catástrofe. Lembran que "o que está a pasar agora no Pindo foi o mesmo que pasou en agosto de 2005". "Tamén daquela os gobernantes viñeron aquí a sacar a foto e a prometer axuda para os labregos polos danos causados, pero non houbo nada de nada, incumpriron as súas promesas, igual que as van incumprir agora", engaden.

Neste sentido, advirten de que "se o goberno da Xunta de Galicia non fai unha verdadeira política de prevención de lumes forestais e apoia aos labregos e labregas, o que sería moito menos custoso para a administración que os centos de millóns destinados ás empresas de extinción, estas traxedias volverán repetirse cíclicamente".

Por iso, dende a cooperativa Raíña Lupa conclúen que "coas súas políticas, o goberno de Feijóo está provocando que os labregos e labregas de Galicia sexan unha especie en vías de extención".

Asi de arrasado quedou Quilmas-Foto-Maria del Pilar Gutierrez

De mundanza

Lucía, da Cooperativa de Quilmas, traballando na extinción

A situación en Quilmas é de total alarma. Coas producións de froitais e varios invernadoiros destrozados polas lapas, agora toca poñerse actuar. Ademais estiveron 3 días prácticamente incomunicados (sen internet, nen fixo nen moita cobertura de internet e con cortes de enerxía frecuentes) e traballando muito para poder salvar o que queda, botando auguiña ás prantiñas que sobreviviron e ás abellas. "Aínda non temos un plan de actuación claro pero polo momento temos que trasladar as abellas até Lira (ao monte veciñal que nos ceden os compañeiros de aló) para que poidan pasar un ano e sobrevivir", afirman.

Podes ver máis fotos da zona de Quilmas no Flickr de ADEGA.

Máis información

Novas sobre o #IFCarnota

Comentarios