Martes. 10.09.2024
El tiempo

A Costa da Morte estará presente nas manifestacións contra a privatizacións dos montes

A Costa da Morte estará presente nas manifestacións contra a privatizacións dos montes

Parece que as políticas neoliberais dos actuais gobernos non teñen cancelas. E parece que o queren é poñerlle esas cancelas aos montes. Este sábado 22 de novembro, ás 12:00h dende a Estación de Tren de Santiago, está convocada unha manifestación para protestar contra a privatización dos montes comunais, que quere realizar a Xunta a través da Lei de Montes de Galicia.

Unha manifestación convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e a Federación Rural Galega (FRUGA), co apoio do Sindicato Labrego Galego, na que estará presente a veciñanza comuneira do Barbanza, e da Costa da Morte, con outras de todo o país.

Os convocantes queren “demandar unha fiscalidade propia para estas entidades e a condonación das “falsas débedas” que lles atribúe a Xunta”. O lema desta mobilización será “Que non nos rouben os nosos montes”.

Cómpre lembrar certos datos. Os montes veciñais en man común ocupan 650.000 hectáreas, un terzo do territorio da Galicia, e están xestionados democraticamente por unhas 3.000 comunidades, ue reúnen 250.000 comuneiros e comuneiras. “O monte veciñal é un sinal da identidade propia de Galicia, só hai esta figura en Galiza e no norte de Portugal”.

Consideran dende a FRUGA que a nova lei “desnaturaliza o monte veciñal”, e “non satisfai as necesidades do rural galego pois retoma a forestación de terras agrarias e cuestiona a viabilidade das explotacións deste país por falta de terra que cultivar que contribúa a reducir os custes de produción”, ao ser Galicia unha das zonas de Europa con menor superficie agraria útil. “Esta nova norma ataca tamén a Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, coa redución de distancias que agravan o risco potencial do lume, e volve permitir as masas monoespecíficas cunha visión produtivista para favorecer determinada industria en detrimento do aproveitamento multifuncional do monte,” indicou Manuel da Cal.

Privatización?

Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, destacou que a política forestal do PP na Xunta ten dous obxectivos: “roubar a xestión dos montes á veciñanza comuneira para entregarlla de balde ás empresas forestais privadas” e “impedir que a veciñanza comuneira sexa protagonista da posta en valor das terras comunitarias para despois xustificarse para a súa privatización”. A Xunta do PP, afirmou, “quere privatizar os montes veciñais porque non concibe que existan terras comunitarias fóra do seu tráfico do comercio e do negocio e moito menos admite que sexan xestionadas democraticamente pola veciñanza comuneira”. Segundo explicou, a Xunta pretende entregar estas terras a determinados intereses económicos porque queren converter o monte galego nunha “inmensa leira de especies de crecemento rápido e de cultivos enerxéticos para a instalación de industrias agresivas e coloniais e para iso precisan o abandono do medio rural, para que estes intereses campen ás súas anchas nos montes veciñais en man común”.

Táboa de reivindicacións da manifestación

  • Condonación das falsas débedas dos montes veciñais con convenios ou consorcios.
  • Plan orzamentario para a posta en valor dos nosos montes. Por un monte multifuncional.
  • Proceder de inmediato aos deslindes de todos os montes veciñais por conta da administración.
  • Reinvestimento diferenciado, atendendo ás condicións sociais, demográficas e económicas.
  • Fiscalidade propia para os montes veciñais, non ao Imposto de Sociedade. Por unha fiscalidade galega.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios