Sábado. 07.12.2019
El tiempo

A Costa da Morte quere innovar

A Costa da Morte quere innovar

Esta fin de semanaa Casa da Cultura de Vimianzo acolleu a "Xornada de Difusión de Proxectos Leader", unha xornada que incidiu nos valores de innovación e cooperación para o desenvolvemento da zona. A sesión serviu para coñecer un pouco máis o traballo que ao longo destes anos ven desenvolvendo o GDR Costa da Morte.

Persoeiros como o alcalde de Zas e Presidente da entidade, Manuel Muiño Espasandín; José Antonio Santiso Miramontes, Presidente da Asociación de GDRs de Galicia; Antonio Aguión Fernández, Xefe territorial da Consellería de Medio Rural ou Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo, foron varios dos que participaron. A implantación na sociedade civil así como a transparencia da xestión dos fondos foron dúas das cousas máis destacadas.

Datos

O Presidente Manuel Muíño, fixo unha exposición informativa, aportando cifras dos proxectos que se viñeron desenvolvendo, así como dos pendentes de verificación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER. O presidente da asociación recalcou o "impulso xerador de emprego" que supoñen estes programas. No tocante ao próximo ano 2012, espérase que as axudas a proxectos a executar, permitan a consolidación de 153 empregos e a creación de 24,5.

A continuación, José Antonio Vila, xerente do GDR, subliñou o carácter democrático desta metodoloxía “vai de abaixo a arriba, polo que participa a poboación de cada zona, que deseña o que se vai a facer”.

Vencellarse co territorio: Proxecto a procexto

Despois da pausa-café, reanudouse a xornada coa mesa redonda de promotores, coordinada por Manuel Soto, vicepresidente da asociación. Soto manifestou a importancia de que “a xente arraigue, conseguir unha vinculación co territorio para que non se despoboe”.

A continuación, deu paso aos promotores, auténticos “protagonistas” da xornada. O primeiro en tomar a palabra foi Celestino Pose Miñones, xerente de Agrosoneira S.L., que relatou como puido “facer as cousas dunha forma máis organizada, e,en definitiva, aprender a mellorar”, grazas ao proxecto de modernización e incremento da capacidade produtiva na súa fábrica de pensos.

O técnico de emprego do Concello de Mazaricos, José Ramón Esperante, expuxo o proxecto de creación dun telecentro no antigo centro de saúde. Tal e como comentou, a iniciativa ideouse para romper “a fenda dixital nas distintas capas da sociedade” e facilitar o uso e acceso á información que ofrece internet aos colectivos con menores posibilidades de acceso.

Raul Andrés Chicapar falou da súa experiencia ao fronte de O retiro de Barbolés e da axuda que o GDR lle proporcionou para conseguir sacar adiante un proxecto que calificou de “soño feito realidade”. Para rematar, José Antonio Casais Fernández, administrador de Raposo S.C. repasou todo un período,dende o escepticismo inicial cara as axudas, ata a alegría, esforzo e constancia coa que manteñen a súa empresa de produtos cárnicos. O proxecto de Casais, conseguiu acadar a máxima puntuación, xa que a súa idea posuía un dos compoñentes principais: a innovación. Casais marcouse como obxectivo conseguir producir e tamén comercializar os seus produtos cárnicos, este último, un dos puntos débiles que presenta o sector, como afirmou o promotor.

A seguinte ponencia levouna a cabo Manuel Buendía, o director xeral do Instituto de Desarrollo Comunitario de Madrid, que ofrece asistencia técnica a REDER, a Rede Estatal de Desenvolvemento Rural. Buendía subliñou valores como a cooperación, o desenvolvemento entendido como proceso democrático e a filosofía de colectividade que ofrecen os GDRs. Uns valores que nos converten “nos protagonistas do noso propio futuro e no da nosa zona. Asímesmo, remarcou a importancia do intercambio de experiencias que ofrece a cooperación interterritorial entre redes de desenvolvemento. A este respecto falou do programa de Calidade Agroalimentaria, no que ven participando o GDR Costa da Morte. Este proxecto financiado polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino permite “mellorar a competitividade e calidade da actividade agroalimentaria da zona”.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios