Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Deputación abre o prazo para que os concellos soliciten axudas para festivais, museos e centros de música

A Deputación abre o prazo para que os concellos soliciten axudas para festivais, museos e centros de música
Os concellos terán até o vindeiro día 3 de marzo para concorrer ás liñas de subvencións para contratación de persoal técnico para atención de museos e centros de interpretación, á de mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza municipais e a de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas. A área de Cultura da Deputación fomenta coa convocatoria desta liña, que sae publicada no BOP do 1 de febreiro, a dotación de persoal técnico para museos e centros de interpretación dos concellos de menos de 50.000 habitantes. O destino da contratación será en museos ou centros de interpretación de carácter permanente depositarias de bens móbeis, obxectos ou testemuños de valor histórico, arqueolóxico, artístico, etnográfico, científico ou técnico de interese local. Entre as obrigas condicionadas pola convocatoria está a apertura ao público do centro ou museo cando menos 20 horas á semana. Máis axudas Co obxectivo de contribuír a artellar e profesionalizar o sector e promover a creación de emprego, a área de Cultura convoca tamén as axudas para o mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza municipais para o que a a Deputación destina un orzamento de 400.000 € co fin de contribuír ao funcionamento dos centros dedicados á formación artística. A área de Cultura convoca oficialmente tamén a liña de apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por concellos cunha achega de saída de 400.000 €. Serán beneficiarios eventos culturais con identificación e marca propia recoñecíbel, programación diversa que aglutine diferentes propostas artísticas, organizado periodicamente, con data de celebración consolidada. O Festival de Ortigueira, o Festival Internacional Outono de Teatro ou o Curtocircuíto responden a formatos de eventos de concellos que se adaptan ás bases da convocatoria. As bases teñen ademais de afortalar os festivais como eventos de interese de participación e difusión cultural e turística, unha clara intención de apoiar a difusión da cultura galega co cal no caso de festivais audiovisuais terán que contar cunha sección, cando menos, para producións galegas en versión orixinal, nos de música ou artes escénicas contará cun 30% do total de actuacións profesionais a cargo de bandas ou compañías galegas. Tamén, como se recolle nas bases publicadas no mes de xaneiro, no caso da lingua, as bases recollen que nos festivais de artes escénicas o galego ten que ser a lingua de cando menos o 50% dos espectáculos e o 25% das actuacións musicais.

Comentarios