A Fedanpa convoca unha concentración polo Ensino Público na capital de Bergantiños


Tremendamente activa nace esta Federación de ANPAs da Costa da Morte. Se a semana pasada propuñan un referendum pola reutilización e gratuidade dos libros, esta semana a Xunta Directiva xa presentou o programa da I Xornada de Formación para Anpas deste vindeiro 26 de xaneiro.
Pero ademais, a Xunta tratou outros temas de interese, como a integración das Comisións dos Consellos Escolares, ou a adhesión da Federación á concentración da Plataforma Galega do Ensino en contra da LOMCE do vindeiro 31 de xaneiro. Xa nos explicaron dende a Fedanpa as súas razóns contra esta nova Lei,e consideran necesario acodir ás mobilizacións en defensa do ensino público.
Ademais, a entidade toma o relevo e será ela a promotora dunha Concentración na zona, concretamente na capital de Bergantiños, en Carballo. Así, as asociacións fan un chamamento a toda a comunidade educativa de Bergantiños, Soneira e Fisterra para que asista á convocatoria, pois en defensa do ensino público defendemos o futuro das fillas e fillos do noso país, o vindeiro 31 de xaneiro en Carballo.
Xornadas de Formación de ANPAs

O vindeiro sábado 26 de xaneiro, a partir das 17:00h, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá a I Xornada de Formación de Anpas. Falarase da xestións das mesmas así como haberá unha charla-debate sobre a situación do ensino público.
Tomarán a palabra:
- Loli Fernández Vázquez, xefa do Negociado de Intervención da Universidade da Coruña, presidenta da anpa “Manuel Murguía” do IES Agra de Leborís da Laracha e membro do seu Consello Escolar.
- Pepe Bustelo Tarrío, licenciado en empresariais pola universidadede Santiago de Compostela, presidente da anpa “Fonte da Cristina” do CEIP A cristina de Carballo e membro do seu Consello Escolar.
- Jesús M. Domínguez Fernández, asesor dunha empresa de Protección de Datos de Carácter Persoal.
- Marta Rei Vilas, DEA en Didáctica e Organización Escolar.
- Alfonso Varela, representante da Plataforma Galega do Ensino Público.
Novas relacionadas
- As ANPAs propoñen un referendum pola reutilización e gratuidade dos libros.
- As Anpas da Costa da Morte propón un programa de reutilización de libros de texto.
- A Federacións de ANPAs da Costa da Morte estréase cunha dura crítica á LOMCE.
- 17-10-12: A mocidade da Costa da Morte tamén se rebela por un ensino público.
- 10-05-12: A folga do ensino déixase notar nos centros da Costa da Morte.
Fonte
- Nota de prensa da man de Xosé Antón de la Fuente Subiela, presidente da Xunta Xestora de constitución da Federación de ANPAs da Costa da Morte.