A planta de gas que divide Santa Comba
O pasado sábado tiña lugar unha marcha a pé unha trintena veciños de Santa Comba ata Santiago, impulsados pola Asociación Cultural para a Defensa do Entorno Natural de Mourelle, contra a planta de Gas Natural Licuado que se pretende instalar na zona. Unha marcha que remataba cunha concentración que congregou a unhas 100 persoas en San Caetano, pois foron moitos os que se achegaron en bus ou nos seus coches particulares. Alí entregaron un escrito de protesta, e xa están en marcha un contencioso tanto administrativo como penal, contra a Consellería de Industria por outorgar unha licencia que os veciños consideran “viciada”, e contra o Concello de Santa Comba e o mesmo alcalde se chegan a aprobar a licencia, o único trámite que queda pendente para que arrinquen as obras.
Os afectados: ”Non estamos en contra do progreso, pero queremos que se conte cos veciños”
O presidente da asociación, Xosé Luís Pazos, coméntanos que “xa teño temos todo listo para presentar as 3 querellas en canto o alcalde conceda a licencia. Temos ata os cartos reunidos, colleitados polos veciños de Mourelle”. E mira que é cara a Xustiza, pois presentar denuncias para os 3 casos custan entre taxas, informes, abodagos… uns 15.000€…
A manifestación ata Santiago foi a súa forma de protestar pola ubicación da planta de Gas Natural, que segundo este colectivo, en principio íase situar nunha parcela do polígono industrial do Concello de Santa Comba (así se publicou no DOG), pero finalmente, “sen entender moi ben por que, pretenden colocala en Mourelle, unha zona rural e residencial, a escasos metros (uns 50) de casas habitadas”, denuncia.
”Ninguén de Santa Comba está en contra do progreso”, comenta un dos veciños da zona”, “e se chega en forma de Gas Natural, benvido sexa. Pero sempre contando cos veciños, e eu, se teño unha planta de gas, non só un depósito, a 50 metros da casa, non querría tela construido e hai varias familias que levantaron a súa casa hai apenas dous anos e agora teñen familias e a casa nunha zona perigosa”, sinalan.
O alcalde: ”Están creando unha alarma social desorbitada”
Teno claro Antonio Landeira, alcalde xalleiro. “O Concello non considera este un tema peliagudo, é un asunto que non é competencia nosa. É un tema que os veciños deben tratar coa empresa, pois é un convenio entre un particular que aluga unha parcela e unha empresa privada. Nós non estamos infrinxindo a lei, e se hai inquietude dos veciños é porque están creando unha alarma social desproporcionada”, asegura.
“A ubicación non depende do Concello. Nós temos que velar que se cumpla ca normativa, e cumplen con todo, e non somos quen de meternos. En todo caso, estannos metendo entre a espada da parece, porque nós estamos cos veciños, e claro que falamos coa empresa, pero non podemos facer máis. Se o concello interven para cambiar a ubicación da planta, estaría prevaricando”, sinala. “A solución, é un tema da Xunta, é ela a que pode mover ficha para cambiar a ubicación, sentenza.
Landeira denuncia ademais que “o asunto está moi politizado, pois ao PSOE lle interesa que haia discrepancias e quere aproveitar a confusión. Ademais, hai un problema máis grave, pois están enganando aos veciños máis maiores co tema", denuncia.
”Se vai a planta vai para adiante, pois o solo cumple os requisitos para acoller unha actividade industrial, ten os informes ambientais favorables que xa recibimos a semana pasada, o único que podemos facer é velar porque se cumpla a lei e se respecten as normas”. “Na seguinte sesión plenaria, abordaremos a aprobación do asunto, pero nin con apuro nin con freno, vai ao ritmo que toca”. En todo caso, “e se así se pacta ca empresa, nós nos compretemos en axilizar os trámites para cambiar a ubicación, pero o acordo terá que ser entre os particulares e a empresa”.
Falou o alcalde sobre a posibilidade de ubicarse o polígono. “Hai tempo preguntaron polo polígono, e o Concelo tiña unha parcela, pero non cumplía cos requisitos, pois necesitas unha parcela mínimo de 3.000m2 e estudios xeolóxicos, que non cumplía a parcela ofertada. Por iso, ao non haber sitio no polígono, buscaron no rural. E é certo que hai casas a 50 metros, pero a gran maioría están a máis de 300, e tampouco podemos chamala zona residencial, pois de feito por aí, por Mourelle vai ir a circunvalación de Santa Comba”, apunta.
Sobre a denuncia que lle teñen preparada os veciños, Landeira afirma que “non nos preocupa. Se non estou seguro do que facemos, non seguiría para adiante. Temos aos servizos xurídicos do Concello, e todos os informes están aprobados e listos polo que nete caso non hai dúbida. Só pido que non utilicen ao Concello como unha plataforma de presión. Teñen que negociar ca empresa”, indica o alcalde xalleiro.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).