O PP rexeita unha moción para suspender e revisar a LAT Bustelo-Meirama

A Liña de Alta Tensión que une á veciñanza de varias comarcas, non será revisada. Así o deixou patente o grupo popular onte na Comisión 6ª do Parlamento trala proposición non de lei do BNG. Daniel Pérez López reclamaba a suspensión e revisión do proxecto da liña de alta tensión (LAT) Bustelo-Meirama, ante as múltiples deficiencias técnicas, ambientais e sociais detectadas. Con todo, o PP votou en contra desta iniciativa, amosando así o seu apoio a unha infraestrutura que, segundo o BNG, "prioriza intereses privados fronte ao benestar das comunidades afectadas e á protección do medio rural".
O proxecto, actualmente en información pública, prevé unha liña de 220 kV con 98 apoios ao longo de 38,5 km, atravesando os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Carballo, A Laracha, Cerceda, Ordes e Carral. Entre os impactos destacados polo deputado bergantiñán están a afección a zonas ZEC (Zonas de Especial Conservación) en Coristanco, con risco para hábitats protexidos e actividades agropecuarias, proximidade a vivendas e núcleos rurais (a menos de 100 metros en casos como Gontade ou Quintáns), sen estudos sanitarios sobre campos electromagnéticos ou ruído, como exixe a Organización Mundial da Saúde, limitacións drásticas para o uso do solo, incluíndo terreos agrícolas, forestais e incluso un centro de educación especial en Carballo ou a falta de xustificación técnica para non aproveitar liñas existentes ou estudar alternativas como o soterramento.
Pérez López lamentou que o PP "descoñeza as alegacións veciñais e os informes que alertan do incumprimento da normativa de paisaxe e saúde pública". O BNG exixe que se aplique o principio de precaución mentres o parque eólico de Baralláns –cuxa evacuación xustificaría a LAT– estea suspendido por orde xudicial.