Sábado. 20.07.2019
El tiempo

"A Sala Nasmo é un servizo crucial para o nacemento de bandas como Deleiba"

"A Sala Nasmo é un servizo crucial para o nacemento de bandas como Deleiba"
Deleiba gravando o seu primeiro videoclip Cansado de Esperar Deleiba gravando o seu primeiro videoclip Cansado de Esperar Que pasa en Muros que levantas unha pedra e sae un grupo de música? Unha das últimas bandas en dar o salto á escena é Deleiba, que hoxe mesmo presentaba o seu primeiro videoclip, “Cansado de Esperar”. Falamos precisamente con Mauro Gómez Lamela, sobre o lanzamento, e tamén sobre esa inesgotable canteira muradá:
  • - QPC: Que pasa en Muros para que haia tantísimas bandas en marcha? Hai tanta arte, algún brebaxe máxico…?
Muros xa leva uns aniños sendo berce de moitas bandas, principalmente de rock. Na Sala Nasmo chegamos a ser preto de 20 bandas inscritas, pelexabamos por conseguir horas! Hoxe en día, segue habendo un amplo catálogo de bandas listas para tocar a un bo nivel: Archivo Adxunto, Lisdexia, The Rapants, Terbutalina, Evil Bastard... Vendo o gran número de músicos que temos, o noso baixista, Jesús, iniciou un proxecto para gravar diversas versións con músicos de Muros, mesturando bandas e xente que nunca tocaran xuntos. Xa leva unhas 30, e aínda hai músicos sen gravar! Pero Muros non se queda só niso, tamén temos diversas agrupacións folclóricas. A sociedade civil en Muros é bastante activa, a pesares do éxodo e do envellecemento da poboación.  
  • - QPC: Canta importancia ten a Sala Nasmo neste auxe? E o Castelo Rock?
A Sala Nasmo é un servizo crucial, pois propiciou os medios para que a rapazada de Muros puidera ensaiar e incentivou a creación de novas bandas. Juan Figueiras, que é o técnico da sala, loitou co concello para a mellora dos medios da sala, que seguen a ser moi precarios, así como tamén organiza festivais anuais de rock co concello. Por suposto, o Castelo Rock, que desde 2003 trouxo aos grandes referentes musicais dos muradáns, non só permite a bandas locais compartir cartaz con grupos de primeiro nivel, senón que tamén espalla o rock a todas as idades e serve de inspiración para moitas nenas e nenos que deciden por primeira vez coller unha guitarra ou unhas baquetas. Moitos de nós saímos tamén da Escola Municipal de Música de Muros, sen a cal sería imposible a cantidade de músicos cos que contamos. A transición da Escola de Música cara á creación de bandas da Sala Nasmo é un fenómeno que segue a repetirse ano tras ano. Afortunadamente, algúns locais hosteleiros tamén confiaron nas bandas de Muros para organizar concertos, aínda que son escasas excepcións e as bandas de Muros seguen sen contar cun apoio suficiente. Gustaríame tamén mencionar festivais como o Asaghieiras de Lariño, no que contaron con practicamente todas as bandas que naceron en Muros nas súas edicións, e tamén o Festival das Carrilanas, un éxito que vai pola súa terceira edición, tendo sempre no cartel algunha agrupación do concello.   Deleiba banda de rock de Muros
  • - QPC: Bueno, e xa postos en contexto, quen formades Deleiba?
O grupo componse de Germán Mosqueira París (vocalista, natural de Muros, e ex-vocalista de Trapos Sucios); Denís Lamela Martínez (guitarra e coros, natural de Baño, Muros, e ex-guitarrista de Trapos Sucios e A Media Ghasta); Alberto Romero Pedrosa (guitarra e coros, natural de Muros e actual guitarrista de Maestro e artista en solitario, ex-guitarrista de RqR e Kolisión Frontal); Jesús Saborido García (baixista, natural de Baño, Muros, ex-baixista de A Media Ghasta e ex-batería de Barrighada); e Mauro Gómez Lamela (batería, natural de Louro, Muros, Batería de Os Desterrados e Metalcrú, e ex-batería de Zeros).  
  • - QPC: Como nace e que significa “Deleiba”?
Deleiba nace da amizade de varios músicos de Muros que xa compartiran bandas. Denís e Germán comezaron a sacar algunhas ideas despois do parón de Trapos Sucios, para logo contaren con Jesús, Alberto e máis eu, fixando a formación no verán de 2017. Persoalmente, xa sabía da intención de Denís de montar unha nova banda desde facía un tempo, pero non foi ata ese verán que me chegou a proposta e comezamos a darlle forma ás ideas que xa estaban cociñándose. Denís, Germán e máis Jesús son amigos desde hai moitos anos, mentres eu e Alberto, os pequenos da banda, somos da mesma quinta e tamén tocamos xuntos algunha vez desde nenos. Todos somos de Muros e tiñamos moito contacto por estarmos inmersos na escena musical, así que foi un proxecto cun nacemento moi natural. Ademais, ensaiamos e gravamos no estudo de Jesús, algo que facilitou a actividade da banda por termos flexibilidade horaria e medios para compoñer e perfeccionar as cancións. En canto ao nome, a historia é curiosa. Durante un ensaio alguén sacou o tema do nome, e eu traía unha idea por unha anécdota que teño con Denís, xa que somos curmáns. Nunha comida familiar, fará arredor de 10 anos, preguntoume cal era a miña palabra preferida en galego, para despois dicirme que a súa era deleiba. Deleiba aínda non se recolle no dicionario da RAG, pero é un termo propio da bisbarra de Muros que se refire a unha desfeita ou un desastre. Pareceunos o máis axeitado polo que significa e pola súa procedencia autóctona.  
  • - QPC: Que tipo de música facedes? Cales son os vosos referentes tanto a nivel internacional, nacional e galego?
Falar de estilos sempre é complicado. Basicamente, facemos música rock en castelán e tamén en galego, centrándonos moito en que as cancións teñan a forza suficiente para o directo. Na nosa música hai rock & roll, hai punk, hai metal... Cada un ten as súas propias influencias, as cales son moi diversas e iso apréciase no papel individual de cada compoñente. Pola miña parte, nutrinme sobre todo de diversos estilos e bandas de metal e iso reflíctese nas baterías dos nosos temas. A nivel internacional, temos en común o gusto polos Foo Fighters, os cales tomamos como referencia á hora de compoñer nalgunha ocasión. A nivel estatal, é innegable que aquilo que mamamos desde pequenos nos influíu musical e liricamente, como Platero Y Tú, Barricada, Los Suaves, La Polla Records, Extremoduro e moitos máis. A nivel galego, o feito de termos na banda a Denís e a Germán implica que haxa reminiscencias a Trapos Sucios, pero tamén podería citar outros artistas que serviron de inspiración, como Nao, Heredeiros da Crus, e un longo etcétera.  

Máis novas musiqueiras

Comentarios