martes. 07.04.2026
El tiempo

19 series forman a grella da sección oficial do Festival Carballo Interplay

MILLENNIAL MAL_no Carballo Interplay
A cita carballesa vivirá a preestrea en Galicia de "Millenial Mal"
19 series forman a grella da sección oficial do Festival Carballo Interplay

O Carballo Interplay continúa avanzando a programación da súa 13ª edición, que se celebrará do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo, coa presentación da súa Sección Oficial de series. A competición deste ano estará integrada por 19 títulos, dos cales 17 son propostas internacionais procedentes de 10 países, unha selección que reforza o carácter global do certame e a súa aposta por novos formatos, narrativas e olladas dentro da creación de web series contemporánea.

A Sección Oficial deste ano volve destacar  pola variedade de universos e cuestións que atravesan as súas historias: do humor máis absurdo e surreal aos conflitos afectivos e familiares, das crises de identidade ao paso á vida adulta, da reflexión sobre os modelos de parella e a maternidade ás tensións arredor da pertenza, a memoria, a orixe ou as convencións sociais e culturais. 

Xunto á Sección Oficial, o festival acollerá tamén a proxección dos dous primeiros capítulos de Millennial Mal, a nova serie creada por Lorena Iglesias e dirixida por Andrea Jaurrieta, que vén de presentarse con grande acollida no Festival de Málaga. A sesión no Carballo Interplay será a súa preestrea en Galicia e terá lugar o venres 17 de abril ás 20.00 horas no Mercado de Carballo, coa presenza da propia Lorena Iglesias. A serie estrearase en Filmin no verán de 2026.

Tres Bloques

A Sección Oficial do Carballo Interplay volverá ser un dos eixos centrais da programación do festival, cunha selección de 19 series que amosa a vitalidade do formato en distintos territorios e contextos creativos. Canadá, Francia, Estados Unidos, Australia, República Checa, Eslovenia, Dinamarca, Romanía, Suíza e Irán figuran entre os países representados nunha competición que se completa con dúas propostas do Estado.

As proxeccións dividiranse en tres bloques no Mercado de Carballo. O primeiro deles celebrarase o xoves 16 de abril ás 20.00 horas e incluirá A Diwali Dilemma (Reino Unido), Greystanes (Australia), Lady Ada’s Secret Society. S2 (Canadá), Sam (República Checa), Taste of Arrival. The Journey of Hani Abbas (Suíza), Funny Snails (Francia) e El’sardines (Francia).

O segundo bloque terá lugar o venres 17 ás 17.30 horas, con T-Rex (Dinamarca), Alucinema (España), Eyes in the Woods (Estados Unidos), Dream Catchers (Canadá), Respire Fort (Francia) e Delirio Sketches (España).

Finalmente, o terceiro desenvolverase o sábado 18 ás 17.00 horas, con Buried (Irán), 88 (Romanía), No Big Deal (Eslovenia), Ruby (Canadá), Rock Bottom (Estados Unidos) e The Struggle for Existence S2 (Canadá).

 

Comentarios