Xoves. 12.09.2024
El tiempo

Aberto o prazo de solicitudes para as axudas do Plan de Emprego destinadas a Pemes e emprendedores

Aberto o prazo de solicitudes para as axudas do Plan de Emprego destinadas a Pemes e emprendedores
O BOP publicou onte as convocatorias oficiais das novas liñas do Plan de Emprego Local - PEL - destinadas a incentivar a contratación para a ampliación do cadro de persoal en pequenas e medinas empresas - PEL PEMES - e de axudas ao fomento da iniciativa empresarial entre mozos emprendedores - PEL EMPRENDE -da provincia da Coruña, dotadas cun orzamento global de 4,5 millóns de euros. A partir de hoxe e ata o día 3 de marzo ás 14 horas, os interesados poden presentar as súas solicitudes de forma telemática a través do portal de subvencións da Deputación da Coruña - SUBTEL -, accesible dende a sede electrónica da institución provincial (sede.dacoruna.gal). Pemes A liñas PEL PEMES, cun orzamento de 3 millóns de euros, subvencionará durante un período dun ano o 75% dos custes laborais, incluidas as cotas da Seguridade Social, da contratación de novo persoal nas pequenas e medianas empresas que teñen o seu domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos 20.000 habitantes da provincia da Coruña. Como máximo poderase contratar a unha persoa por empresa. Segundo explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a través desta nova liña de subvencións á contratación en PEMES, a institución provincial trázase como obxectivo facilitar a creación de máis de 200 novos empregos na provincia. “Nun marco de reactivación económica e redución progresiva do desemprego, agardamos que moitas destas persoas axuden á medrar ás pequenas empresas coruñesas e podan continuar no cadro de persoal das mesmas cando remate o ano durante o que a Deputación subvencionará os seus salarios”, apuntou o presidente. As persoas a contratar deberán cumprir unha serie de requisitos, como estar empadroadas en calquera dos municipios da provincia da Coruña, estar en situación de desemprego e inscrita nos servizos públicos de emprego antes da convocatoria, non ter mantido relación laboral coa empresa beneficiaria da subvención nos tres meses anteriores ou non ter relación de parentesco coa persoa empregadora. Entre os criterios que se terán en conta para a concesión destas axudas están, entre outros: a duración do contrato e perspectivas de continuidade do traballador, o perfil profesional da persoa a contratar, o número de traballadores actuais da empresa ou o concello onde se ubique, tendo máis puntos os municipios máis pequenos, co obxectivo de axudar á dinamización económica dos concellos rurais. Emprendedores O BOP publicaba onte tamén a convocatoria oficial da nova liña PEL EMPRENDE, dotada cun orzamento de 1.480.000 euros e destinada a mozos e mozas de entre 25 e 35 anos, empadroados en calquera dos 93 concellos da provincia da Coruña, que promovan inicativas empresariais de nova creación. Segundo explicou González Formoso, a finalidade destas axudas é apoiar aos mozos emprendedores no impulso á súa idea de negocio a través de subvencións destinadas ao investimento en bens inventariables novos e necesarios para a realización da súa actividade empresarial, tales como maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario ou equipos e utillaxe de traballo. As axudas cubrirán investimentos de ata 40.000 euros (IVE excluído), dos cales o 50% (20.000 euros) poderá ser subvencionado pola Deputación. Con esta liña do PEL, o Goberno provincial estima poder axudar a máis de 100 emprendedores da provincia a pór en marcha o seu negocio. Para a valoración das solicitudes de subvencións do PEL-EMPRENDE, a Deputación terá en conta, entre outros aspectos, o carácter innovador da empresa, o número de traballadores, o sector profesional da mesma, dando maior puntuación ás iniciativas empresariais relacionadas co ámbito do medio ambiente, as enerxías renovables e as empresas de base tecnolóxica; así como aquelas que apliquen medidas de responsabilidade social empresarial, como medidas de conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores, fomento da igualdade de xénero ou inserción laboral de persoas con discapacidade. Fonte

Comentarios