Adagio por outono
A XLI edición do Certame Literario de Vilalba que se convoca na capital chairega, nos últimos anos en parcería con Alvarellos Editora que publica os textos premiados, reafirmou a sólida bagaxe poética de Modesto Fraga (Fisterra, 1974) ao laurear o seu Adagio por outono, que chega dezanove anos despois da súa entrada no noso sistema literario.
Alicerzado en pequenos galardóns anteriores, 1997 foi o ano de graza e bautismo de fogo para o nume poético de Modesto Fraga ao gañar os premios Avelina Valladares e O Grelo, o primeiro pola obra Corpos paisaxe, que inxustamente non foi editada nesa altura, e o segundo con Do amor salgado, que tivo unha edición cativa do punto de vista estético e sen a penas distribución. Porén, o malfado destes inicios editoriais non puxo freo ao ímpeto do poeta fisterrán até conformar a día de hoxe un percorrido de longo alento, como recolle a autoantoloxía publicada en edición de autor Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015 (2015).
Esta apelación ao pasado non é gratuíta, pois o poeta arestora con moito máis oficio e cunha voz máis madura, retorna ao cultivo dos metros clásicos cos que se dera a coñecer, nomeadamente os sonetos. De feito Adagio por outono, que prologa Teresa Seara de maneira fulcral, está conformado por 35 sonetos divididos en tres partes e un intermezzo denominado «Pórtico» de catro poemas en verso libre, mais onde sobrancean hendecasílabos, heptasílabos e pentasílabos.
Non é de estrañar esta escolla porque o libro, que recolle nunha dobre páxina unha reprodución dos músicos no Pórtico da Gloria (século XII) e unha folla de carballo na portada, pretende realizar outra actualización dos principios literarios do Dolce Stil Novo, escola poética toscana da segunda metade do século XIII na que sobrancearon Guido Cavalcanti, Dante Alighieri, e moito despois Francesco Petrarca no seu Canzoniere, quen influíron en moitas épocas e literaturas posteriores.
Entre nós hai un bo número de poetas «dolcestilnovistas», aínda que salienta Darío Xoán Cabana, quen non só publicou varios libros con sonetos ao modo petrarquista, poñamos por caso o fermoso Amor e tempo liso (1987), senón que foi o excelente e premiado tradutor dos autores citados e doutras voces daquela época na Antoloxía do Doce Estilo Novo (Galaxia, 2004).
Unha das trabes dese modo de poetizar é a sublimación do amor e da persoa amada, que vai percorrer aquí toda a primeira parte «Sinfonía do corpo», catorce sonetos que se abren con «Alba de luz», a xeito de epifanía ou descuberta do amor, e que pecha coa dualidade «Ti + Eu: Nós» en reafirmación. E onde os versos espidos e mariñeiros («A nosa historia é un mar que non se acaba / alba e solpor de terras ben remotas») ornaméntanse con referencias artísticas e literarias, a Gioconda ou Mona Lisa de Leonardo da Vinci, a Ítaca de Ulises, Sherezade, o propio Dante e outras voces que se unen ao xogo intertextual con algúns versos da nosa poesía contemporánea, como sucede con Canto custa instalarse no amor!, que deu título a un libro de Xosé Leira López, ou coa súa propia, por exemplo no xeito de titular un dos textos coas coordenadas «8º 10' 11'' LN».
Os catro poemas libres do «Pórtico» transitan outra temática, a literatura de viaxes, e describen diversos espazos italianos, de preferencia os que teñen a ver con imaxes da Renacenza, e tamén portugueses (Coimbra e Lisboa). Entre elas navega tamén un verso d'Os Lusíadas, de Camões ou a obra de Sá de Miranda, ambos e dous extraordinarios sonetistas, así como A tragédia de Inês de Castro de António Ferreira. As diversas intertextualidades acompañan a tópica do carpe diem que se revela con forza: «Mentres todo renace / algo de nós habita no pórtico da vida».
Na terceira parte «Ao modo do Dolce Stil Novo» faise explícita a intencionalidade, que se abre coa cita a Dante, inclúe 14 sonetos en diálogo con outras obras artísticas, históricas e literarias que se sinalan ao pé de cada texto, sen seguiren orde cronolóxica. Nas primeiras o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo, a Capela Sistina de Michelangelo, a Venere di Urbino de Tiziano e Mater Gallaecia de Luís Seoane; a nosa historia con referencias a Manuel Murguía, a Benito Vicetto ou á morte do Mariscal Pardo de Cela; na literatura europea a Divina Commedia de Dante e novamente Os Lusíadas de Camões e na nosa desde a primeira cantiga medieval Ora faz host'o Senhor de Navarra de Johan Soárez de Pávia ou Paiva até a Morgana en Esmelle da chorada Begoña Caamaño, mais tamén con Pondal ou con Cunqueiro. Son versos a evidenciaren ese atento lector, desde hai uns anos tamén esperto e experto libreiro, que hai en Modesto Fraga.
«Adagio, ma non troppo» é a última parte, sete sonetos que perseguen no descoñecido tempo futuro da existenxia a confirmación das palabras e dos acenos do amor sublime, con insólitas e singulares lembranzas, a poesía faise máis espida, máis íntima e máis achegada «como aquela canción das nosas vidas / que sabiamos case de memoria, de Pablo Milanés, lembras amor?».
E unha última anotación sobre este Adagio por outono para sinalar outra constante no quefacer do seu autor, aínda que máis atenuada desta volta, a perseveranza na incorporación e recuperación dun ricaz léxico mariñeiro que acompaña a linguaxe do erotismo como gozosa celebración.
- Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
Artigos de Miro Villar en QPC
- A xeira do Seminario de Estudos Galegos en 1936 a Fisterra.
- «Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016).
- A vinte anos I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario.
- O poeta maltés Stephen Cachia critica o peche temporal do Museo da Pesca de Fisterra.
- No natalicio do escritor emigrante muxián Victorino Abente Lago.
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (III).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (I).
- Ceés / Ceesa e outras propostas filolóxicas polémicas en Xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega.
- Os neofranquistas de Cee non queren mudar o nome do colexio público Eugenio López.
Novas relacionadas
- De pescos a montañeses. Os verdadeiros xentilicios da Costa da Morte.
- Os versos de Miro Villar musicados en clave indie.
- Miro Villar, un contacontos de primeira.
- Miro Villar espallou os seus haikus do Finisterrae Bretón pola costa ártabra.
- Miro Villar rebélase na charca da poesía para nenos.
- As Crebas de Miro Villar premiado como o Mellor Blogue Literario pola AELG.
- Miro Villar explica por que rexeita o Faro Nerio.
- Miro Villar: Estranxeiro na súa patria.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).