ADEGA forma en biodiversidade para o aproveitamento turístico do noso patrimonio natural

A Asociación Ecoloxista ADEGA organiza dúas accións formativas para esta primeira quincena de xuño na Costa da Morte, vinculadas coa biodiversidade e o turismo.
As accións forma parte da ‘Convocatoria de Medioambiente 2021’, posta en marcha por CaixaBank, intentando poñer en valor o patrimonio natural, e axudar a loitar contra a despoboación. Nesa liña, a formación en clave de biodiversidade está formulada para o aproveitamento e uso sostible da riqueza que temos na ZEC Costa da Morte.
As formacións terán unha duración de 5,5 horas e atinxirá a profesionais e técnicos de administración do ámbito da Costa da Morte; profesionais de empresas e emprendedores turísticos locais, persoas de oficinas de información turística local da zona e do ámbito empresarial, outras empresas relacionadas coa actividade ambiental e turística así como o persoal docente do ámbito educativo da Costa da Morte.
Seguindo a liña levada nos últimos anos arredor das chamadas Microrreservas, a entidade centra as formacións nos Concellos de Fisterra (xa hai 5 micrroreservas de flora) e Carballo (hai 3 en marcha). Lembran que estas microrreservas pode ser unha ferramenta de promoción do noso territorio.
A primeira xornada de formación será o día 8 de xuño no concello de Fisterra.
A segunda xornada de formación será o día 10 de xuño no concello de Carballo.
Para obter máis información e anotarse poden chamar a Ramsés Pérez (981 57 00 99) ou enviar un correo a ramses@adega.gal.