As ADL da comarca coñecen boas prácticas de desenvolvemento local en Castilla La Mancha
A Asociación Finisterrae de profesionais do desenvolvemento local de Galicia (Afiprodel), realiza unha visita profesional á provincia de Cidade Real en colaboración coa Asociación de profesionais do desenvolvemento local APRODEL de Castilla La Mancha. Varias técnicas costeiras, como representantes galegas, están aprendendo boas prácticas en desenvolvemento local, emprendemento e empresas de Ciudad Real.
Unha viaxe formativa para coñecer problemáticas sociodemográficas, tentando traer as boas prácticas aos territorios de Galicia.
O primeiro día visitarán o Xeoparque dos Volcáns Calatrava guiados por Rafa Gonsalves, profesor de xeografía da Universidade de Cidade Real. Esta actividade coincide coa clausura do Curso de Medio Ambiente organizado pola Junta e Aprodel. Co alumnado deste curso visitaranse os xeositios de Pozuelo de Calatrava, o Centro de Interpretación e o volcán Cerro Gordo en Granatula de Calatrava.
Algunhas das boas prácticas que coñecerá Afiprodel son: Encomenda de Cervera (oleoturismo, enoturismo e Volcáns, Astroturismo 7 cabrillas en Alcoba, Quesería Zacatena de Daimiel, Bodegas Las Estrellas de Valdepeñas (viños naturais con fermentos autóctonos), guía turística Raquel Méndez. Tamén visitará as Tablas de Daimiel coñecendo o proxecto turístico.
Ambas asociacións forman parte da federación española de profesionais do desenvolvemento local (FEPRODEL) e levan anos mantendo contacto, participando en diferentes actividades. De feito, os seus representantes coincidiron no II Foro de Desenvolvemento Local organizado en San Pedro de Pinatar, Murcia.
Xornada CULDEIA en Muxía
As conclusións desta viaxe e as achegas dos expertos e emprendedores que a fan posible presentaranse nas xornadas CULDEIA organizadas por AFIPRODEL en Muxía os días 22 e 23 de novembro, no Salón do Agar da Casa de Trillo. Para esta actividade, Afiprodel conta cunha subvención da Deputación da Coruña.