Luns. 29.04.2024
El tiempo

O alumnado do cole de Outes, pioneiro na creación dun bosque no seu patio

plantacion_ceip_outes
O alumnado do cole de Outes, pioneiro na creación dun bosque no seu patio

Fermoso e pioneiro o proxecto ReNatur_Outes que se está a desenvolver no CEIP Plurilingüe de Outes. Unha iniciativa enmarcada na intención de recuperar o bosque de ribeira no litoral galego. E a acción que fixeron esta semana un cento de rapaces e rapazas do centro, foi a plantación de centos de árbores e arbustos autóctonos, creando un fermoso bosque no seu patio, colindante co río Tins.

As escolares plantaron ducias de freixos, ameneiros, pradairos, sabugueiros, bidueiros e érvedos, contribuíndo á renaturalización da contorna e a crear un espazo máis acolledor para a biodiversidade a as propias nenas e nenos.

A plantación realizouse coa colaboración do proxecto ReNatur_Outes e forma parte do esforzo por recuperar a vexetación de ribeira ao longo do treito urbano do río Tins na Serra de Outes, plantando 300 novas árbores e 200 arbustos. As árbores plantadas non só ofrecerán sombra e un espazo de xogos para as próximas xeracións escolares, máis tamén sirvirán como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados.

O proxecto tamén vai tomar o control sobre especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia. Tamén formulará accións para a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto.

O proxecto

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O pleno do Concello de Outes aproba por unanimidade a Declaración de Dereitos do río Tins

Esta semana o pleno do Concello de Outes fixo historia acordando por unanimidade a Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá, un texto consensuado pola veciñanza a finais do ano pasado durante un proceso participativo, e que agora adoptou formalmente a corporación municipal. Trátase da primeira vez que un concello recoñece expresamente os dereitos dun elemento natural, neste caso os do río Tins, incluíndo o dereito á protección e á conservación, ou a non ser danado nin contaminado. A Declaración tamén asume unha serie de compromisos colectivos para asegurar que estes dereitos son respectados.

A Declaración inclúe 10 dereitos e 14 compromisos que xurdiron das discusións nas que participou o tecido asociativo local, a comunidade educativa e a veciñanza a título individual, así como representantes do propio Concello de Outes e das institucións que participan do proxecto ReNatur_Outes, de cuxo proceso xurdiu a Declaración agora aprobada.

A Declaración pretender servir como marco para orientar as políticas públicas relativas á xestión do espazo fluvial do río Tins e tamén como referente para iniciativas da propia sociedade civil, comunidade educativa e do tecido empresarial do concello, que xa está a traballar en diversas iniciativas asociadas ao coidado e posta en valor de todo o que representa o Tins.

Comentarios