As ANPAS fan un chamamento a Feijoo por un comezo de curso sen “medo”
O comezo de curso segue sendo a preocupación principal das familias de toda Galicia. De feito, a preocupación ten pasado a convertirse en “medo”, como recoñece a Federación de ANPAS Galegas na nova carta que lle envían ao presidente Alberto Núñez Feijoo.
Unha carta chea de críticas e peticións, que corroboran por exemplo dende o pleno de Carballo, ou dende os grupos do BNG de Camariñas e Carballo. É precisamente o BNG carballés o que lamenta a “incerteza” xerada porque a Xunta “eluda as súas responsabilidades como única Administración competente tanto en materia de educación coma de sanidade”.
Esta é a carta que as ANPAS envían a Xunta:
Pense canda nós, Presidente
Medo, o que temos as familias galegas é medo; cando falamos en público dicimos “preocupación”, ou “coidado” , pero o que temos é medo. Medo a que as nosas fillas e fillos vaian ao colexio a contaxiárense, medo a que enfermen, e medo a que por riba da súa propia enfermidade, traian a desgraza a casa e á vida dos maiores, tan vulnerábeis, e do resto da familia e achegados, iniciando unha espiral imparábel.
Dende o 12 de marzo pasado, cando vostede mesmo saíu aos medios de comunicación para nos dicir que as clases se suspendían porque a situación da pandemia era seria e merecía esa medida, as asociacións de nais e pais galegas estivemos de acordo en que a saúde da comunidade era moito máis importante que o mantemento da presencialidade nas aulas. Asumimos a situación e defendemos o que daquela cumpría: unha mellor asistencia na casa, porque a vida continúa, e defendemos que o importante era o acompañamento ás familias e ás crianzas, para que dentro da situación estrema que estabamos a vivir puideramos manter a normalidade do xeito máis acaído posíbel. Nós fixemos o noso traballo con seriedade, atendemos ás nosas fillas e fillos mesmo por riba do que podiamos ou sabiamos facer, roubamos o tempo de onde non o había para acompañalos, non como nais e pais, iso cómprenos de noso, acompañámolos como mestres, como estudantes, como orientadoras, como técnicos de cantas necesidades había ou apareceron.
O único que daquela esiximos foi que houbera alguén do outro lado, e nin iso foron quen de coordinar dende a goberno da Xunta que entón tamén vostede presidía. Do outro lado houbo, onde o houbo, persoal docente serio e responsábel; e onde non cadrou que houbera ese persoal, onde non había medios tecnolóxicos para que ese persoal chegara, ou onde había barreiras de comunicación persoal ou de formación específica imprescindíbeis, simplemente houbo un enorme baleiro que ninguén encheu, e que aínda hoxe está por resolver para miles de escolares galegas. Pero ao estarmos na casa o que non había era contaxios, as nenas e nenos non se contaxiaron porque non se relacionaron, e aos serios problemas que non se resolveron daquela non houbo que engadir outros de saúde que multiplicaran os riscos.
Agora si que os hai, agora di vostede que os nenos e as nenas teñen que comezar un curso escolar case ordinario, ordinario en aulas, en profesorado, en distancia (un metro entre o centro das cadeiras é unha distancia tan mínima que resulta difícil atopar aulas onde non se cumprira xa de antes), con algo máis de limpeza se cadra –porque se agardamos pola que faga o propio alumnado imos aviadas- e sobre todo con moita loxística de deambulación polos corredores e de accesos e saídas nos centros escolares para logo mesturárense dentro sen o control necesario.
Medo, presidente, medo é o que temos as familias, e medo é o que deberían ter todas as persoas de ben diante da inexplicábel teimosía do goberno que preside en manter unhas normas que se fixeron hai meses, para unhas expectativas sanitarias que hoxe están feitas anaquiños diante dunha realidade que é aínda máis teimuda ca vostede: comezar o curso hoxe mesmo, xa non digamos coa previsión a quince días vista, coas normas insuficientes e ridículas que están nas mans dos centros, é condenarnos a repetir o que xa vivimos; abrir os centros escolares sen máis dotación, sen máis aulas, con rateos de cheo total, sen persoal sanitario en cada centro –ou vainos dicir que o persoal docente, meus probes, vanse converter en especialistas sanitarios cun cursiño divulgativo dunhas poucas horas?- sen reorganizar as capacidades dos centros escolares, vendéndonos unha e mil veces un aumento do profesorado que é mentira, totalmente mentira porque se os rateos non baixan non hai profesorado a maiores… Con eses vimbios, quen non vai ter medo?
Ese medo, que se está a transmitir entre a sociedade, que vai impregnar os centros escolares, que afecta ao alumnado, ao profesorado, ás familias, ao persoal non docente, a calquera que entre nun centro escolar, que é a concentración de descoñecidas máis grande que se poida dar á vez nun territorio; ese medo, presidente, non lle fai pensar que quizais non se están facendo ben as cousas ?, non se lle ocorre pensar que as galegas e galegos que veñen de escollelo de novo demandan unha presidencia operativa que tome decisións a favor do pobo que a colocou aí ? non pensa que as familias, que somos o pobo todo, merecemos respostas certas, esforzos contrastados, e diálogo serio e constante porque o problema é de todas e queremos solucións iguais para todas?. Gobernar é organizar e decidir, utilizar os recursos públicos para o que é prioritario, rectificar se as circunstancias o requiren, e actualizar as respostas ao momento no que se atopan os problemas que atemorizan á poboación.
Gobernar sería agora mesmo retirar o mal feito e comezar de novo co que se debe facer, en moitos lugares xa están a facelo, e aquí, vai seguir vostede teimando en que as nenas e nenos galegas volva a clase nestas condicións e con estas inexistentes medidas de seguranza?. Ninguén de nós o faría, agora pense, canda nós, coma nós, quizais así poida entendelo.