A Escola Ambiental Senda Nova, o ciclo da terra
Hai certas experiencias educativas na comarca que son especiais. En agosto arrinca a Escoliña de Verán da Fundación Eduardo Pondal no Couto, afianzada como o mellor campamento de verán do país e un exemplo de como o ensino rural pode ser vangarda.
Outras das iniciativas singulares da comarca de Bergantiños é a Escola Ambiental de Senda Nova-Concello de Carballo, que este ano vén de cumplir a súa 14ª edición. O Espazo da Natureza de Oza acolleu durante 26 fins de semana do curso escolar esta iniciativa educativa, que serviu para achegar a 25 crianzas (batendo marcas de participación) á terra.
Gracias ao compromiso e a implicación das familias, a rapazada participante puido aprendeu unha marea de cousas sobre o agro, facendo multitude de cousas. Entre as máis divertidas as pernoctas en tendas de campaña, as vendas na feira ou a propia construción do galiñeiro.
Con todo, a horta actúa como proxecto transversal e ocupou a maior parte do horario no Espazo, plantando máis dunha ducia de especies diferentes dentro e fora do invernadoiro ou colaborando con centros de ensino locais no coidado de especies autóctonas como o carballo.
O tempo de horta aumentou e a colleita fixoo de xeito exponencial. Deste xeito duplicáronse os produtos recollidos, aumentando as plantas levadas para as casas da rapazada e duplicando as xornadas de venda na feira dominical de Carballo, porque do que se trata é de facer unha aprendizaxe completa, un proxecto integral aprendendo de onde veñen as cousas. Que importantes esas sesións na feira vendendo os seus propios produtos, favorecendo a comunicación da rapazada coa sociedade e a exposición do proxecto da Escola á propia sociedade carballesa.
As rapazas e rapaces da Escola Ambiental visitaron lugares de interese patrimonial como o dolmen da Pedra Moura, O bosque da Ribeira da Pena ou o Esteiro do Anllóns.

Pero tamén estiveron traballando arreo para construir un novo galiñeiro. As maiores da escola traballaron arreo con ferramentas, aplicando coñecementos e aprendendo a usar maquinaria para crear un equipamento que pechará o círculo de residuos orgánicos, fomentando unha maior permanencia no Espazo.
Así, mentres a entidade descansa polo verán, as familias xa contan as semanas para que as súas crianzas volvan a esta escola de natureza.





