Mércores. 23.10.2024
El tiempo

O BNG pídelle á Xunta a apertura de 100 prazas para centros de día na Costa da Morte

Oscar Insua BNG Parlamento
O BNG pídelle á Xunta a apertura de 100 prazas para centros de día na Costa da Morte

O deputado do BNG na Costa da Morte, Oscar Insua, presentou diversas iniciativas no Parlamento Galego nas que solicita ao Goberno galego a construción dun mínimo de 100 prazas para centros de día na comarca. O representante nacionalista instou tamén a que se que inclúa no Consorcio Galego de Benestar os edificios ofrecidos polo Concello de Corcubión para poñer a funcionar de forma inmediata un centro de día con 22 prazas, e pide á Xunta que aclare cales son as razóns polas que se nega a abrilo.

Oscar Insua quere saber se a Xunta de Galiza ten previsto construír centros de día e residencias na Costa da Morte, e se vai incluír nos orzamentos autonómicos para o 2025 unha partida con dotación suficiente para abrir algún centro para maiores na zona. Ademais, lembrou que 50.000 habitantes da comarca non dispoñen dun centro de día público no seu municipio e pregúntase se o Goberno galego sabe o número de persoas da Costa da Morte que están en lista de espera para acceder a unha praza de centro de día ou de residencia.

Desde o BNG sinalan que na comarca non existen centros de día, e os máis próximos están en Cabana de Bergantiños (30 prazas) e en Muros (25 usuarios). Por iso, subliñan que “calquera veciño de Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muxía, Vimianzo, Zas, Camariñas, Mazaricos ou Laxe non ten posibilidade de acceder a unha praza dun centro de día da rede pública no seu municipio, e se un usuario fose de Fisterra e conseguira praza, para ir ao centro máis próximo tería que percorrer 55 quilómetros se lle tocase en Cabana ou 50 quilómetros se tivera que ir a Muros”.

Comentarios