Sábado. 11.05.2024
El tiempo

Camilo Franco inicia hoxe a Escola do Espectador do FIOT

Camilo Franco inicia hoxe a Escola do Espectador do FIOT
Os participantes ampliarán a súa mirada e visión sobre as artes escénicas Os participantes ampliarán a súa mirada e visión sobre as artes escénicas Por segundo ano consecutivo, e tras o éxito acadado na pasada edición, a organización do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) apostou por continuar coa novidosa Escola do Espectador. Este espazo de aprendizaxe, que volve estar dirixido por Camilo Franco, un dos críticos teatrais máis relevantes de Galicia, é unha actividade aberta á que poden acudir os amantes do teatro que queiran aprender ou ampliar a súa mirada e visión sobre as artes escénicas da man dun experto. Utilizando como referente as nove obras de sala que van pasar polo FIOT, así como as catro do ciclo OTNI, Franco guiará os encontros para facilitarlle aos asistentes as claves para a comprensión e a análise dos espectáculos previa á súa representación no pazo da Cultura de Carballo. Nestas aulas abertas irá reparando nos distintos discursos que ten unha función no teatro: o textual, o xestual, o lumínico, a dirección ou a interpretación a partir de xéneros como a comedia, a política ou os clásicos. As sesións desenvolveranse os martes de outubro: hoxe, o día 20 e 27, quedando pendente unha cuarta que se fixará en función da dispoñibilidade dos asistentes. Serán todas no pazo da Cultura de Carballo ás 20.30h. A temática das sesións será diversa. Hoxe comeza coa sesión "Comedia e comedias. Como rirse hoxe". O martes, día 20, falaránse do "Teatro político. Do panfleto á intervención". Xa o martes 27, os asistentes tratarán "Como volver aos clásicos cada vez". E a última das sesións abordarán "Que pasa no teatro cando non é un xénero". A Escola do Espectador enmárcase na filosofía de achegar ao público ao festival e complementa outros espazos informais como o “Café con...” nos que, antes de cada obra, parte do elenco da compañía se reúne cos espectadores para explicarlles a concepción do espectáculo, entre outros aspectos. De feito, na presentación do FIOT 2015 o pasado 16 de setembro, a organización destacou que tras 24 anos de traballo, o seu obxectivo é “ampliar e fortalecer os lazos que unen ao Outono de Teatro co público xa que este é o propósito último co que traballamos de novembro a outubro porque no público está o alento, a forza e o futuro do FIOT”. Inscricións Os interesados en anotarse na Escola do Espectador poden facelo no email [email protected] desde hoxe mesmo. A asistencia é libre. Para máis información, o teléfono de contacto é o 981 704 300, ext. 2 ou a través do mesmo correo electrónico.

Comentarios