“Non somos nada sen o Camiño dos Faros”
Vai xa para dous dende que a Asociación Camiño dos Faros deixou de pelexar pola homologación como Roteiro de Longo Recorrido. A pesar do continuo crecementos e a marea de recoñecementos internacionais, o desleixo da Xunta leva provocado que non se faga oficial un dos mellores recursos turísticos xerados na Costa da Morte neste século.
As cifras
Así o reflicten as cifras e o que nos contan responsables do sector hostalerio como Silvia Bouzas, do Hotel Playa de Laxe, que explica que “si, estrá traendo moita xente, e de feito durante os meses de maio e xuño os que viñeron eran todos camiñantes, máis dun 70%”, apunta, dando conta de que o 30% deses traskis eran estranxeiros, chegados dende ligares tan dispares como Alemaña ou EEUU. Este mes de xullo seguen chegando, sobre todo españois, polo que ten claro que “non somos nada sen o Camiño dos Faros”, sentenza.
Habituais dos sendeiros como o pontecesán Quito recoñece que ve continuamente grupos de traskis de 4-6 persoas ou parellas, facendo o Camiño.
Se o CF é un auténtico motor para o norte da bisbarra (de Malpica a Camariñas), é certo que xa por Muxía-Lires-Fisterra a presencia de peregrinos é aínda maior que a de traskis, se ben en moitos momentos chegan a confundirse. “Os adeptos ao Camiño dos Faros medran todos os anos”, como sinala Pablo Canosa das Eiras Lires.
Limpeza
A situación de desamparo das administracións deixa á vontade dos Concellos o mantemento dos sendeiros. E a resposta é dispar, tendo sempre que chegar a temporada alta para que os concellos fagan os deberes despois dalgunha chamada de atención dos propios hostalerios. Repasamos de norte a sur.
En Malpica, esta fin de semana quedou todo limpo. Así o recoñece Alfredo Cañizo, concelleiro de turismo e teniente alcalde: “para nós é un motor imporantísimo para a ecoomía e o turismo do noso concello, e o noso obxectivo é telo permanentemente limpo”, sinala recoñecendo que este ano se lles botou o tempo enriba.
En Ponteceso e Cabana aseguran que o sendeiro está limpo, se ben aínda hai puntos, como a varanda do peirao de Valarés, que merecen un pouco de atención.
É en Laxe onde hai máis conflito. De feito, o Círculo de Podemos Laxe, recollendo a inquietude veciñal, vén de denunciar o estado de abandono no que se encontra o treito do Camiño dos Faros que percorre polo concello, polo que emprazan ao concello a solventalo de xeito inmediato.
O concello de Camariñas foi un dos primeiros en desbrozar todos os seus sendeiros.
Mentres, o pequeno treito ceense, que atravesa Lires, está bastante limpo (é certo que é camiño de zahorra xa feito dende hai anos).
Xa en Fisterra, está bastante limpo dende a primavera, se ben queda un pequeno anaco na entrada no seu territorio dende a Mexadoira ata Rostro.
NOVAS RELACIONADAS
- Setembro 2021: O Camiño dos Faros creceu un 33% no 2021 a pesar do esquecemento das administracións.
- Maio 2021: O Camiño dos Faros, unha das mellores rutas de Europa segundo a ERA.
- 07-05-21: “O Camiño dos Faros non se homologa polo bloqueo da Xunta e a Federación Galega de Montañismo”.
- 27-11-2020: Os trasn@s ofrecen un informe técnico e medioambiental para demostrar a alta calidade da ruta o Camiño dos Faros.
- Outubro 2020: Canto é o impacto real do Camiño dos Faros na Costa da Morte? .
- Outubro 2020: A Asociación Camiño dos Faros cansa e desiste de ser o promotor da homologación da ruta GR.
- Decembro 2016: O Camiño dos Faros cumpre 4 anos.
- Abril 2013: O Camiño dos Faros ábrese ao mundo.
- Febreiro 2013: Percorrendo a pé, e con Traski, o Camiño dos Faros da Costa da Morte