Venres. 19.04.2024
El tiempo

Carballo aproba os orzamentos para o 2017 cun importe de 25,5 millóns de euros

Carballo aproba os orzamentos para o 2017 cun importe de 25,5 millóns de euros
pleno-orzamentos-2017-carballo No pleno do luns aprobouse o orzamento do concello de Carballo para o 2017 que ronda os 25,5 millóns de euros Cos once votos a favor do goberno do BNG, a abstención dos dous concelleiros do PSOE e os votos en contra dos cinco do PP e os tres de Terra Galega, o pleno de Carballo aprobou os orzamentos para o 2017 converténdose así nun dos primeiros municipios da zona en facelo. A sesión plenaria ordinaria do mes de novembro celebrada este luns, día 28, e de case dúas horas de duración estivo marcada polo debate sobre os orzamentos; unhas contas que segundo sinalan dende o goberno liderado por Evencio Ferrero "son equilibradas en ingresos e gastos nun importe de 25.469.352,02 euros cun incremento dun 4,34 por cento respecto do exercicio de 2016". O pleno comezou cun minuto de silencio en homenaxe ás vítimas da violencia machista, e con motivo do 25 de novembro, día pola eliminación da violencia exercida contra as mulleres. Outro dos puntos salientables da sesión foron as camisetas que luciron os concelleiros do BNG pertencentes á campaña En Negro contra a Violencia. Trátase dunhas contas que, segundo explica a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, supoñen un gasto de 814 euros por habitante, cunha media de 183 euros de investimentos reais por cada veciño ou veciña. Ademais, os servizos públicos básicos supoñen un gasto de 393 euros por habitante, e os bens públicos (como sanidade, educación, cultura, deporte, etc.) unha media de 146 euros por veciño ou veciña. pleno-carballo O pleno comezou cun minuto de silencio en homenaxe ás vítimas da violencia machista Invetimentos Nos orzamentos para 2017, os investimentos reais -capítulo 5- supoñen un 22,48 por cento do presuposto, con 5.725.852,69 euros e unha suba dun 6,37 por cento respecto do exercicio anterior. A grande maioría fináncianse case ao cen por cen con fondos propios, e entre eles hai que mencionar a mellora de vías no rural en parroquias como Rus, Entrecruces, Aldemunde ou Sofán, entre outras por 802.560,25 euros; o acondicionamento do campo de fútbol de Sofán para dotalo de céspede artificial por máis de 590.000 euros (membros da directiva da SD Sofán estaban entre o público); ou a mellora de vías no Parque Empresarial de Bértoa por máis de 311.000 euros. Tamén hai que mencionar a mellora dos centros sociais de Artes, Rus, Outón, Entrecruces e Sísamo, ou unha ampliación no de Oza por 466.419,33 euros; o o peche do pavillón do CEIP Xesús San Luis Romero por máis de 131.000 euros. Por último, hai que engadir os dous millóns de euros do canon do ciclo integral da auga que suporán reparacións na rede de abastecemento, creación de saneamentos e melloras nas estacións depuradoras municipais. Tamén hai que resaltar o investimento en xestión urbanística logo da aprobación do PXOM, por máis de 514.000 euros, incluíndo o acondicionamento dunha praza na contorna da Biblioteca Rego da Balsa. Gasto social Outro dos apartados que sube é o gasto para servizos sociais, con 263.645,66 euros, especialmente pola suba no número de horas do servizo de axuda a domicilio. En total, as actuacións en promoción social, sumando o gasto de varios capítulos - incluíndo os gastos de persoal -supoñen 2.207.185,44 euros, e o gasto global no orzamento referido a sanidade, educación e promoción social e emprego ascende a 2,9 millóns de euros, case o 9 por cento do orzamento.  

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios