Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Carballo, Carnota e Ponteceso saíron á rúa en repulsa ao feminicidio de Oia

Concentracion polo feminicidio de Oia en Carballo 2
Leticia Varela Naya, da Asemblea de Mulleres do BNG de Bergantiños, lendo o manifesto en Carballo
Carballo, Carnota e Ponteceso saíron á rúa en repulsa ao feminicidio de Oia

O Feminismo galego, a través da Marcha Mundial das Mulleres, convocou para a pasara tarde de luns, unha marea de concentracións en diferentes cidades e vilas galegas para alzar a voz contra un novo asasinato machista: o feminicidio de Ana Vanesa acontecido esta fin de semana en Oia.

Carballo, Carnota e Ponteceso non faltaron á cita. A Asemblea de Mulleres do BNG de Bergantiños, a Asociación Sonlilá e a comunidade Feminismo en Pé lanzaron as convocatorias en cada vila, para esixir políticas de protección efectivas e un tratamento dos feminicidios con perspectiva de xénero.

Concentracion polo feminicidio de Oia en Carnota
Mulleres de Sonlilá na concentración de Carnota
Concentracion en Ponteceso polo crime de Oia 2
Concentración en Ponteceso 

Este foi o manifesto lido en todas as concentracións:

Manifesto

Concentracion en Ponteceso polo crime de Oia
Lectura do manifesto en Ponteceso por mulleres de Feminismo en Pé, Cari (de Laxe) e María Vitureira

Dende o feminismo galego activamos o noso protocolo de alarma, que ten como obxecto dar unha resposta contudente que se materialice en mobilizacións en repulsa da violencia machista en todo o país. Dende 2010 son 70 as mulleres asasinadas en Galicia, hoxe volvemos á rúa para condenar outro crime, o de Ana Vanesa.
Na loita contra os feminicidios seguimos agardando que o mundo institucional deixe de darnos as costas. Fálase sempre de que as institucións están para preocuparse por nós e polas nosas vidas, que hai mecanismos e fórmulas para a protección das mulleres, que a lexislación nos ampara mas de novo vemos que todo resulta en papel mollado. A Ana Vanesa matárona aínda tendo unha orde de afastamento, con máis de 50 intervencións policiais “de seguemento”, cun risco catalogado como “medio”. Ningunha das actuacións foi suficiente para que oxe non esteamos aquí, cheas de carraxe, por ela.
E non esquecemos que foi asasinada a mans de quen supostamente nos protexe, de quen vela pola nosa seguridade. Por un membro da Garda Civil, un membro da mesma Garda Civil que se gaba do seu traballo pola eliminación da violencia machista. Pídennos confianza nos corpos de seguridade, os mesmos corpos de seguridade que demasiadas veces se manteñen ao lado dos que nos primen, quen nos asasina, que nos castiga por quere ser libres.
Xa non queremos minutos de silencio nin loito, queremos xustiza, queremos acabar coas políticas criminais que acaban coas nosas vidas, co noso dereito a vivilas. Esiximos que a lei sexa efectiva, esiximos recursos suficientes para abordar este problema e un compromiso real para acabar co terrorismo machista.
Esiximos que dunha vez por todas se faga cobertura dos feminicidios con perspectiva de xénero para non ler titulares como “Se suicida un guardia civil tras matar a su ex pareja en Oia”, ate incluso “La tragedia de Oia: esperó a súa ex a la salida del trabajo y se suicidó al verse rodeado”, onde se ignora o feminicidio, onde falan de dúas mortes e non dun asasinato machista.
Hoxe tomamos a rúa por Ana Vanesa para responder á violencia que sufrimos ás mulleres e á súa máxima expresión: o feminicidio. Somos e seremos o berro das que non teñen voz e non queremos máis xestos nin minutos de silencio, porque a pasividade institucional é cómplice da violencia machista.
Querémonos libres e querémonos vivas! Por Ana Vanesa e por todas, seguiremos en marcha até que todas sexamos libres!.

Concentracion polo feminicidio de Oia en Carballo 1
Imaxe da concentración de Carballo

Comentarios