Carballo doa 29 toneladas de roupa usada no primeiro semestre de 2016
08:12 21/07/16
Carballo dispón de doce colectores de roupa usada
Destinala a un fin social e reducir gastos na recollida e eliminación de residuos son os principais obxectivos da campaña de recollida de roupa usada posta en marcha polo concello de Carbabllo en colaboración coa organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) Humana. E os veciños e veciñas están respondendo ben. Así durante o primeiro semestre de 2016, recolleron un total de 29.352 quilogramos de téxtil usado depositados nos doce colectores distribuídos polo municipio carballés. Esta cifra representa un aumento do 7,3 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior (27.355 kg) e que pechou o ano cun total de 54 toneladas.
A reutilización e a reciclaxe de téxtil contribúen á protección do medio ambiente e a reducir a pegada ambiental, outorgando unha segunda vida a unha peza que doutra maneira iría parar ao vertedoiro: cada quilo de roupa que se reutiliza e non é incinerado evita a emisión de 3,169 kg de CO2, segundo datos da Comisión Europea. As 29 toneladas recollidas durante o primeiro semestre en Carballo representan un aforro de 93 toneladas de CO2 á atmosfera.
Xestión da roupa
Unha parte da roupa recollida envíase ás plantas de clasificación e o resto vendese en empresas de reciclaxe
As pezas depositadas nos colectores de Humana teñen dous destinos: unha parte envíase ás plantas de clasificación - ubicadas en Madrid, Barcelona ou Selecta - e o resto véndese a empresas de reciclaxe. o 51% das pezas enviadas ás plantas prepárase para a a reutilización; o 13 por cento destínase ás tendas de segunda man que Humana ten en España; e o 38 por cento corresponde a calidade África, xa que é vendida a prezos baixos para xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento. O 36% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil. O 5% é destinado a Combustible Derivado de Residuo (CDR) coa axuda de empresas especializadas. E o 8% restante destínase a tratamento final porque está composto por material que non se pode reutilizar nin reciclar dado o seu estado.
O responsable da área de Recollida de Humana en Galicia, Darío Gómez, agradece "a colaboración cidadá por darlle un fin social á roupa usada, o que posibilita que cada ano aumente o volume de recollida de téxtil no municipio, consciente da importancia de reutilizar e contribuír á sustentabilidade global pola que traballamos, promovendo a economía circular".
Cooperación e desenvolvemento
Todos os recursos xerados coa actividade de recollida e valorización da roupa en España dedícanse á fin social da organización. Así, entre 2010 e 2015 destináronse 10,4 millóns de euros a proxectos de educación e agricultura en África, América Latina e Asia.
Ademais, algúns destes proxectos recibiron fondos externos procedentes da Unión Europea ou a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento - AECID -.
Novas relacionadas
- A veciñanza de Carballo doou 54 toneladas de roupa usada en 2014
- A ONG Equus Zebra segue recollendo roupa usada en Malpica.
- 4 concellos da zona segues axudando a proxectos de cooperación no hemisferio Sur.
- A ONG Equus Zebra chega tamén á Malpica para recoller roupa.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo