Venres. 19.04.2024
El tiempo

A ONG Equus Zebra segue recollendo roupa usada en Malpica

A ONG Equus Zebra segue recollendo roupa usada en Malpica
Victor Omgba de Equus Zebra en Malpica

Durante a fin de semana quedou instalado no Ventorrillo un colector da ONG Equus Zebra para que os veciños e veciñas de Malpica poidan depositar roupa e calzado usados. A iniciativa enmárcase no convenio asinado hai case un ano entre o Concello e a organización coruñesa, que traballa pola integración dos inmigrantes e que desenvolve proxectos encamiñados a lograr o desenvolvemento de países empobrecidos. O seu presidente, Víctor Omgba, estivo hoxe en Malpica, onde foi recibido polos membros da comitiva municipal.

O colector de Equus Zebra, de cor laranxa e uns 300 quilos de capacidade, está situado xunto ao Centro Cívico. Os veciños poderán depositar no recipiente roupa de vestir e do fogar, bolsos, cintos e xoguetes. A ONG aconsella a utilización de bolsas de lixo pequenas, de ata 50 litros de capacidade. A roupa debe estar limpa e seca, xa que a que ten manchas ou está húmida non pode reciclarse. Tamén pide que non se mesturen roupa e calzado ou marroquinería na mesma bolsa.

A ONG coruñesa recupera cada mes unhas 40 toneladas de roupa usada. Os textís son trasladados á planta de Equus Zebra no polígono da Grela, na Coruña, onde se clasifica e se revaloriza. Deste xeito, a de mellor calidade vai destinada á venda nas tendas de segunda man que a entidade ten na cidade ou a familias necesitadas. A roupa aproveitable é enviada a África para situacións de emerxencia e para proxectos asistenciais de cooperación ao desenvolvemento; a que está deteriorada véndese a empresas de reciclaxe para facer trapos, recheos para colchóns e outros produtos, e unha mínima parte, que é inservible, acaba no colector de lixo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Malpica.

Comentarios