Carballo recibe o outono cargado de actividades con "Apego"
08:09 03/10/17
Carballo caracterizouse nos últimos anos pola promoción da crianza en galego sendo así berce do programa Apego. Un ano máis, dende o concello ofrecen unha gran variedade de actividades culturais, así como materiais físicos e virtuais e actividades formativas e informativas para pais e nais. Onte, Nel Vidal - técnico da concellería de Normalización Lingüística -; Evencio Ferrero - alcalde de Carballo, e Xosé Regueira - concelleiro de Promoción Económica - presentaron o programa dos vindeiros meses na Biblioteca Rego da Balsa.
Nel Vidal, Evencio Ferrero e Xose Regueiro presentaron onte as actividades dos vindeiros meses que se inclúen dentro do programa Apego
A concellaría de Promoción Económica é, de feito, unha das que achega propostas á programación, porque Apego convértese en Carballo nun programa transversal que “compila toda a oferta para o público familiar dos distintos departamentos do concello”, explicou Nel Vidal. E, deste xeito, inclúe os obradoiros que xa se están a levar a cabo no Horto Infantil Ecolóxico Municipal (aínda quedan prazas para nenos e nenas de primaria), ou as novas actividades de dinamización da Ludoteca Municipal, que a partir de hoxe, e ata fin de ano, ofrecerá todos os martes e os xoves obradoiros, actuacións e outras propostas para cativos e cativas de 3 a 8 anos de idade.
Desde o 9 deste mes ata o 17 de decembro haberá obradoiros para pais e nais, contacontos solidarios, para bebés que aínda non andan e para os que xa van ao cole, concertos da Banda dos Cueiros e de María do Ceo e moitas outras propostas que encherán de actividade o outono para as familias con Apego.
O programa vén de recibir este ano o premio Rosalía de Castro e o premio da Cultura Galega, os dous galardóns máis importantes aos que, como resaltou Nel Vidal, podería optar. Xa son 30 os concellos adheridos, que agrupan a máis da metade da poboación galega, pero o alcalde cre que deben ser aínda máis, e nese sentido fixo un chamamento aos que aínda non forman parte do programa para que se sumen.
Para Xosé Regueira, a propia existencia de Apego é “unha boa nova para a infancia, para Carballo e para Galicia”, do mesmo xeito que o son o propio programa de actividades presentado hoxe ou o material que o proxecto pon a disposición das familias. Neste sentido, nos vindeiros días procederase á entrega dunha serie de material ás escolas infantís do concello para que tamén poidan facilitar a socialización da infancia en galego.
Máis información
Novas relacionadas
- Abril 2017: Cee propón unha primavera con Apego á lingua dende o berce.
- Marzo 2017: Cee, 7º concello costeiro en adherirse ao programa Apego.
- Setembro 2016: Seis municipios da bisbarra inician a nova campaña do proxecto Apego.
- A crianza con “Apego” ponse en marcha
- O programa Apego expándese pola Costa da Morte
- 3 meses de actividades para coller Apego polo galego dende o berce
- Carnota pon en marcha o programa de dinaminación lingüística Apego
- Apego para criar en galego.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo