O Comité de XEAL involucra ao resto de administracións
O comité de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e as centrais hidroeléctricas) vén de remitirlle sendos escritos á Deputación da Coruña e aos diferentes grupos parlamentarios para que leven a debate e aprobación destas dúas institucións, declaracións en apoio ás reivindicacións do persoal.
Concretamente, o comité solicita da Deputación e do Parlamento que se inste a Xunta de Galiza a que recoñeza a nulidade da operación de venda realizada por FerroAtlántica (Grupo FerroGlobe) a TPG-Ithaka, por non terse requirido a autorización administrativa previa correspondente, tal e como se requiriu no ano 1992 para a adquisición da entón Carburos Metálicos.
O Comité pide compromiso ás administracións para que interveñan ante a empresa para demandar a inmediata posta en marcha dos fornos e a cobertura de todos os postos de traballo destruídos tanto no cadro de persoal, como de emprego eventual como na industria auxiliar, dende a chegada de Ithaka á dirección De igual xeito, que intercedan pola readmisión xa do traballador inxustamente despedido nas últimas semanas.
O Comité repite o que leva denunciando dende xuño de 2019: A venda foi unha fraude, que constitúe unha segregación encuberta das actividades de ferroaliaxes e enerxía e polo tanto, unha actuación contraria ao establecido nas cláusulas concesionais, xa que a día de hoxe Ferroglobe segue a ser o proveedor e comprador único das fábricas costeiras.
Despedimentos e mobilizacións
A este abandono intencionado hai que sumar a política de persecución contra os traballadores e traballadoras iniciada pola dirección da empresa, que se materializa en despedimentos disciplinarios. E mentres isto acontece, a Xunta continúa sen actuar coa dilixencia que require esta grave situación e sen exercer as competencias en materia industrial e sobre as concesións.
Así as cousas, o comité continúa adiante co calendario de mobilizacións semanais e o próximo venres, 18 de xuño, o persoal concentrarase ás 14:45 horas, diante da fábrica de Brens.