Os Concellos de Laxe e Vimianzo retoman, en serio, o proxecto dos Penedos de Traba e Pasarela

Hai un ano que a Xunta remotaba, con “só” 10 anos de retraso o Plan de Conservación e Posta en Valor dos Penedos de Traba e Pasarela. Nada se fixo nestes últimos 12 meses dende administración autonómica e pouco, debido ás eleccións, dende o eido municipal. Pero o proxecto non está nin moito menos enterrado.
Da man dos seus comprometidos técnicos municipais os concellos de Laxe e Vimianzo volveron sentar na mesa para retomar o proxecto.
O Técnico de Deportes de Vimianzo, Víctor Santos, e a Técnica de Turismo de Laxe, María Mato, a Alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a Concelleira de Turismo de Laxe, Raquel Lema, sentaron para “impulsar decididamente a posta en valor da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba”. Os técnicos debullaron ás novas responsables municipais a contextualización do estudo técnico preliminar redactado polos técnicos municipais, no que se contemplan unha serie de actuacións encamiñadas a achegar a singularidade dos Penedos tanto á poboación local coma a poboación visitante.
Propoñen unha serie de accións de comunicación, actividades de dinamización, tarefas de mantemento e sinalización, ou proxectos de investigación, entre outros. Puntualizouse especialmente na importancia de acometer con prioridade actuacións de sinalización, protección e conservación dunha ruta de sendeirismo que permita percorrer a Paisaxe no seu conxunto.
NOVAS RELACIONADAS
- Decembro 2018: Os Penedos xa ten imaxe para o seu póster.
- Novembro 2018: 10 anos despois a Xunta comeza a traballar no Plan dos Penedos.
- Setembro 2018: Os penedos cobran vida.
- 2018: Laxe e Vimianzo únense para reivindicar os Penedos como #moitomáisquepedras.
- 2018: Augusto Pérez-Alberti: “É lamentable que a Xunta non fixera nada dez despois da declaración dos Penedos de Traba e Pasarela como Paisaxe Protexida”.
- 2018: Unindo forzas entre Concellos para salvar os Penedos
- 2016: O SEMESCOM presenta dous calendarios para o 2016 con imaxes dos Penedos de Pasarela e Traba.
- 2014: Vimianzo esixe o Plan de Conservación dos Penedos de Traba e Pasarela.
- Os vídeos da Semescom: Os penedos de Traba e Pasarela.
- Lorena Martínez Canosa: Moitas paisaxes, pero só unha protexida.
- 2009: Os Penedos de Traba e Pasarela son oficialmente Paisaxe Protexida.
FONTE
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).