Coristanco, o sainete da política municipal galega


Se houbese un Valle Inclán da corruptela política municipal do século XXI, viviría en Coristanco, onde tería as mil e unha historias para os seus sainetes.
“Coristanco is different”, “o que non pase en Coristanco…”, “menudo esperpento”, “sinto vergonza de ser de Coristanco”… son algunhas das frases que se escoitan estes días no seo de Coristanco, que rondan entre a retranca e a autoxenreira.
Non é prato do bo gusto que todos os medios de Galicia se fixen en ti por un caso coma este. Fano cada ano polo Festa da Pataca, e xa teñen pasado pola vila bergantiñá por temas de corrupción. Desta volta, ninguén quixo perder imaxe da rocambolesca moción de censura que deixa un goberno de non adscritos, formado por un concelleiro expulsado do PSdG como alcalde (Abraham Gerpe) e 6 concelleiros do PP aos que se lle abriu expediente disciplinario dende a executiva Provincial.
Un novo chanzo dun concello con mil e unha batallas político-xudiciais. Poderíamos remontarnos aos anos 90 cando Pensando Plágaro, voceiro do PP, e do que din dende a oposición que será o alcalde encuberto, xa facía canto quería. Foron 24 anos de goberno municipal popular que remataron cun soado rexistro da Garda Civil por un posible delito de prevaricación e tráfico de influencias que aínda está por dirimir.
Un caso que provocou un cambio no Concello, e as municipais do 2015 deixaron un malabarista goberno tripartito. Pero foi perdendo patas o trespés municipal. Apenas un ano despois da súa formación o edil do PSdG (agora alcalde) deixaba de manter viva a súa pata. A política autoritaria do novo alcalde e falta de transparencia provocaba o pasado mes de febreiro a fuga da edil do BNG, deixando aos concelleiros de TeGa sós no goberno, xa sen maioría algunha para sacar adiante unha soa proposta.
Pero a cousa non quedaba aí. Unha propia concelleira de TeGa deixaba o grupo de goberno sendo acusado o PP de posible suborno.
Era o preludio de que algo grande viña enriba. E saltou a bomba un 8 de agosto: o único edil do PSOE presentaba unha moción contando co apoio dos 6 concelleiros do PP. Algo surrealista pero que en Coristanco pasa por unha simple anécdota. Faltaban as críticas contra todos de TeGa, e unha expulsión de Gerpe do PSdG que parecía botar por terra toda esperanza de que a moción seguise adiante, tendo en conta que a Lei Anti-transfuguismo non deixaría contar o seu voto na moción. Ata o PP rompía o seu silencio dando por finiquitada a moción.
Pero faltaba un último xiro (que non o último episodio). Gerpe e o PP sacáronse un escrito denunciando a ilegalidade do documento de expulsión do PSdG. O grave do asunto é que a lei indica que quen decide se ese escrito é válido ou non é a “mesa de idade”. Si, escoitan ben, a idade conta para dilucidar se un escrito é válido xuridicamente antes dunha cousa tan grave como unha moción de censura. Curiosamente a persoa de máis idade da devandita mesa é un edil do PP, Luís Souto, que, por suposto, votou a favor e fixo valer o seu voto de calidade ante o voto negativo da edil do BNG, permitindo que alomenos para ese pleno Abraham Gerpe seguise contando como edil do PSdG. Para que contar con especialitas xurídicos se temos unha fantástica mesa de idade?
Como dicimos, non parece ser este o último capítulo do sainete coristanqués (de feito En Marea xa pediu a intevención do Estado e TeGa anunciou que vai presentar un recurso xudicial), así que estade atentos ás pantallas que esta serie chega a través dos informativos.
A historia da moción de censura de Coristanco
- 28-08-17: En Marea pide a actuación do Estado para anular a moción de censura de Coristanco.
- 25-08-17: O PP abrirá expediente disciplinarios aos concelleiros que fixeron posible a moción en Coristanco.
- 25-08-17: Abraham Gerpe, novo alcalde de Coristanco ao sacar adiante a moción de censura.
- 24-08-17: O PP rompe o seu silencio dando por pechada a moción de censura en Coristanco.
- 23-08-17: O PSdG expulsa a Abraham Gerpe e fai case imposible a moción de censura en Coristanco.
- 22-08-17: TeGa arremete contra PP e PSOE no marco da moción de Coristanco.
- 11-08-17: O PSdG Provincial dá marcha atrás á moción de censura de Coristanco.
- 08-08-17: PSOE e PP presentan unha moción de censura en Coristanco.
Máis novas da política municipal de Coristanco
- Agosto 2017: O Concello de Coristanco saneou en 2 anos os 3 millóns de euros de débeda municipal do anterior goberno do PP.
- Xullo 2017: O BNG de Coristanco lamenta “un goberno sen proxecto nin iniciativas” tras un pleno de 15 minutos.
- Xuño 2017: En Marea fai balance dos dous do goberno “caciquil” en Coristanco.
- 22-06-17: O suposto suborno do PP a unha edil de TeGa tensa máis a corda da política coristanquesa.
- 22-06-17: Lavandeira califica de traizón a marcha de Verónica Facal de TEGA.
- 21-06-17: Verónica Facal deixa só ao alcalde á fronte de TeGa de Coristanco
- Febreiro 2017: O BNG sae do goberno de Coristanco e deixa só ao alcalde.
- Febreiro 2017: Os veciños volven quedar sen palabra no pleno de Coristanco.
- Novembro 2016: O PSOE de Coristanco apoia unha moción da revisión do IBI presentada polo PP.
- Xuño 2016: O BNG de Coristanco critica a falsa xenerosidade do edil do PSdG
- Xuño 2016: O edil do PSOE de Coristanco renuncia á súa dedicación.
- Xuño 2015: PSOE e BNG apoiarán a investidura a Amancio Lavandeira como novo alcalde de Coristanco.
- Abril 2015: Gerpe, o alcaldable máis novo do PSdG en toda a provincia.
Máis novas
- Maio 2015: Por que non nos importa a imputación dos nosos candidatos á alcaldía?.
- Maio 2015: A man culpable do alcalde de Coristanco Pensado Plágaro.
- Xuño 2014: O alcalde de Coristanco, imputado por prevaricación e malversación de fondos públicos.
- Febreiro 2014: A concesión de obras municipais volve levar a un Concello de Coristanco ante a Xustiza.
- Febreiro 2014: Rexistro no Concello de Coristanco por suposto delito de prevaricación e tráfico de influencias.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).