COSAL condena o agravamento da situación no Sáhara

08:05 11/11/10

Comunicado de COSAL en apoio ao pobo Saharaui
A organización COSAL- Costa da Morte, xunto coa organización de mulleres BUSERANA, a Universidade Cromática das Virtudes, e a Universidade Popular de Corcubión, queremos facer pública a nosa condea e indignación pola nova violencia exercida por Marrocos ao Pobo Saharaui, traducida nesta volta no acoso, illamento e destrución do Campamento da Dignidade en Al Aaiún, e as conseguintes agresións e detencións, cando non asasinatos, inda por contabilizar. Manifestamos asimesmo a nosa preocupación polas persoas desaparecidas e detidas, (Marrocos recoñece máis de 160 detencións), e polas condicións de vida que a brutal represión conleva nas e nos habitantes do Sahara Occidental. Facemos un chamamento a representantes de todas as forzas políticas nos concellos desta nosa terra a que se posicionen e se unan á esixencia dunha reacción española e europea acorde a vulneración dos dereitos humanos que se ven de dar, de xeito tan evidente e sen embargo tan pouco cuestionado por Europa e polo mundo. Dirixímonos á clase política para que nos distintos concellos se aproben mocións de condea destes feitos e de apelación ao goberno de Madrid para que esixa o respecto debido ás persoas saharauis que, polo feito de selo e de reclamar igualdade e liberdade, levan trinta e cinco longos anos exiladas ou represaliadas por Marrocos. Nun mundo no que cada vez máis as persoas importan menos ca os intereses políticos e económicos, cremos que o posicionamento ante estes feitos debe ser claro, contundente e público, para non sermos cómplices da inxustiza e da barbarie.Novas relacionadas
- Este verán, acolle un neno saharahoui.
- COSAL achega á Costa OutrasVozes de bo cine.
- "Os palestinos non falamos dun problema ideolóxico, senón de ocupación".
- Charla con COSAL sobre a emigración: Todos somos emigrantes.
- Charla con COSAL sobre o Foro Social Mundial: "É posible outro mundo?".
- Que a paz sexa con Aminetu Haidar e o pobo saharahui.
Fonte
- Nota de prensa do Colectivo COSAL-Costa da Morte.
- Fotografía de Marcos Rodríguez.