A Costa da Morte presente na Frankfurter Buchmesse a través das acuarelas de Eduardo Baamonde
Eduardo Baamonde naceu en Lugo hai 60 anos, estudiou historia do arte, de museología e de artes e oficios en Santiago. Dende 1988 exerce como profesor de debuxo no I.E.S. de Vilalonga en Sanxenxo. Ademais de profesor de debuxo, autor de contos infantís, ilustrador, etc. é un home de acción; acción gráfico-plástica, eso sí. Non deixa de ser un tipo como el mesmo di, que se pasa os días debuxando ou barrutando proxectos. Para Eduardo Baamonde, debuxar é un xeito de pasar pola vida. Diante desa trascendental pregunta “qué pintamos aquí”, él responde: “pinto”.
No seu proceso artístico o debuxo e a pintura in situ son fundamentais. Sempre que as condicións o permitan, tanto o debuxo do natural sobre caderno como a pintura de cabalete en gran formato, aínda que con resultados ben diferentes, representan para él a mesma actitude pictórica.
“Interpretar o que temos diante é sempre un reto que pon a proba os nosos coñecementos plásticos e as nosas capacidades, tanto físicas como de percepción. Fará uns 20 anos viaxei a Francia e atopeime co formato carnet de voyage. E, de súpeto, souben que podería darlle xeito a eses bosquexos que iba facendo aquí e acolá sen outra intención que a de practicar. A partir de entón centreime en delimitar obxectivos e planificar a miña produción gráfica. Fixen os primeiros cadernos referidos aos lugares que me resultaban máis familiares: Cambados, Ribadeo e Vilalba. Pouco a pouco viñeron outros encargos: A Mariña, O Camiño Norte, O Camiño Primitivo, O Grove, etc. Ata que xurdiu a editorial Almacén de Fábulas e nela publiquei Pontevedra, Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, A Ribeira Sacra, O Salnés, Viveiro e a Costa da Morte. Esta colección presenta unha maior uniformidade de formato e de criterio editorial e con ela está fructificando a miña vontade de retratar Galiza”
Un caderno, un rotulador, un pincel e unha caixiña de acuarelas é todo canto necesita para facer rápidos bosquexos daqueles recantos que captan a súa atención. Páxinas recheas con rúas, pazos, igrexas, barcos, prazas, xentes, peiraos, cabazos, xardíns, fontes, quioscos ou calquera outro detalle que permita retratar a idiosincrasia do patrimonio galego e das paisaxes de Galicia. Nestes retratos de vilas e cidades considera tan importante rexistrar os puntos carismáticos como outros menos coñecidos, cando non desprezados, pero que axudan a describir a memoria do lugar. Despois das grandes cidades de Galiza, chegoulle a quenda das comarcas máis senlleiras como a Ribeira Sacra e a Costa da Morte. Para o artista galego, sen dúbida, están entre as máis e moi destacadas.
“A pandemia ralentizou os tempos e mudou os enfoques orixinais, pero conseguimos publicar os cadernos dedicados a tan fermosas terras. Coñezo a Costa da Morte dende os tempos en que viaxar por ela non era doado e a súa chamada turística era escasa ou inexistente. Hoxe cambiaron moitos factores e, en xeral, obrouse unha transformación positiva que multiplica o atractivo da zona. Agardemos que non se nos vaia das mans. Nesa tarefa de promoción cultural aportamos un caderno de acuarelas que percorre todos os concellos e mostra algunhas das estampas máis sobresaíntes de cada un deles. Praias, penedos, fervenzas, hórreos, torres, faros, pazos, igrexas, rúas, prazas,.. suman unha imaxe caleidoscópica e variopinta dun territorio singularmente rico en encadres e lugares de interese. A extensión xeográfica pide máis páxinas, pero a acoutación editorial impón unha selección mínima necesaria. Outros virán que o fagan mellor e con máis extensión”.
Ao carón de lugares emblemáticos como Ézaro, Cabo Vilán ou o Castelo de Vimianzo, por exemplo, aparecen outros recantos menos trillados nos que Eduardo Baamonde se sinte máis identificado e moi cómodo pintando. Lugares como Caldebarcos, O Couto, O Cereixo, Mens, Caión, Malpica, Corme, Arou…
“Algo así como sentir preferencia polos motivos pequenos e retorcidos antes que polos estirados e grandilocuentes”
Estes cadernos están distribuidos nas principais librerías de Galicia e, por descontado, en case todas as da Costa da Morte. No mes de maio presentouno como candidatura editorial para participar no XXII Festival de Carnet de Voyage de Clermont-Ferrand; o evento máis importante a nivel internacional sobre este formato e foi seleccionado. Así, entre os días 18 e 20 de novembro estará na feira mostrando a Costa da Morte a miles de visitantes que adoiten acudir ao Polydome Michelin da cidade francesa de Clermont- Ferrand.
Esta viaxe polo patrimonio e as paisaxes de Galicia poido disfrutarse na Feira Internacional do Libro máis importante do mundo celebrada en Fráncfort a pasada semana onde España foi o país de honor. No stand habilitado pola Xunta de Galicia os visitantes poideron facer unha viaxe polas terras galegas a través das súas acuarelas. Prendado pola Costa da Morte, espera volver sempre que teña oportunidade.