ELECCIÓNS
Daniel García Reigía e José Antonio Andrade, as caras novas do BNG para os concellos de Bergantiños
Este pasado mércores, o BNG presentaba en Carballo aos seus candidatos da comarca de Bergantiños de cara ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. A falta de concretar a faciana que se presentará en Cabana, hai dúas novidade salientables.
Por un lado, Daniel García Reigía, como candidato á alcaldía de Malpica. O novo voceiro malpicán (toma o relevo tralo tráxico pasamento de Paco Souto) é natural de Cerqueda, e ademais de ser xogador do primeiro equipo, é adestrador de cadetes e infantís, e secretario do club UD Cerqueda.
Tamén hai renovación por Coristanco, onde a vacante de Laura Mariño, despois da súa dimisión, será recollida por José Antonio Andrade, un activo cultural e medioambiental da comarca.
Ao seu carón, e acompañados pola voceira nacional Ana Pontón e polo deputado provincial Xosé Regueira, presentaron a súa renovación como candidatos Carlos Penedo (Ponteceso), Evencio Ferrero (Carballo), Xosé Manuel Pose Lema (Laxe) e Xoán Manoel Sande (Cabana).
Ana Pontón falando en presencia dos candidatos de Bergantiños. De esquerda a dereita: José Manuel Andrade, Xoán Manoel Sande, Evencio Ferreiro, Xosé Regueira; Xosé Manuel Pose Lema, Carlos Penedo e Daniel García Reigía