Mércores. 21.08.2019
El tiempo

Débedas pendentes

Débedas pendentes
A fabrica de Ferroatlantica en Cee de noite A fábrica de Ferroatlántica en Cee de noite Quero contarvos un conto de terror. Escribo estas liñas asoballado pola dor física, pero coa mente clara diante do que vén sendo un cambio sen precedentes na historia da rexión que temos en chamar Costa da Morte pero, detalladamente, no que ten que ver con vivir en Cee, Fisterra, Corcubión, Dumbría ou Muxía. Remata unha época e veñen tempos ben incertos, nos que se decidirá a fin efectiva da rexión como enclave para vivir con un mínimo de garantías e viabilidade. Acabouse o conto, por resumir. Ferroatlántica pechará nun prazo non maior a 10 anos. É un feito. Esto sucederá porque o que se podía facer para impedir tal feito queda moi atrás, a altura de 2005-2008, cando embebidos na mel das vacas gordas a poucos lles importaba que a expansión de Ferroatlántica como parte do holding dirixido por Juan Miguel Villar Mir fora a ocasionar nada malo nas nosas vidas. Corría o 13 de decembro de 2007 cando os máximos mandatarios dos estados membros da UE firmaban o coñecido como Tratado de Lisboa. Este documento é o que sustitue a Constitución para Europa despois do fracaso no tratado constitucional de 2004. Con este tratado, a UE pasaba a ter personalidade xurídica propia para firmar acordos internacionais a nivel comunitario. En síntese, o acordo faculta a UE a decidir por todos cando se trate de xestións para fomentar, por exemplo, a competitividade empresarial entre as empresas dos estados membros. Esa firma é a fin do acordo que vinculaba as centrais hidroeléctricas e as fábricas en Cee e Dumbría. Ao fío de todo isto é de recomendable lectura o denominado Tratado de Funcionamiento de la Unión Europea (TFUE) que regula mediante a directivas de que xeito os estados membros deberían lexislar para, disque, “Fomentar a competitividade” nos países adheridos ao acordo de Lisboa. E habendo ducias de directivas, son varias as que definen o que aquí vai suceder, despois de que Villar Mir decidise, en función da dramática situación financieira a que o levaron as suas últimas decisións, que se tiña que desfacer das centrais hidroeléctricas e, por extensión, das fábricas de ferroaleacións. Porque esa decisión ten anos de historia, non o dubidedes nin un minuto. OHL, a construtora, a “nena bonita” do holding do ex ministro franquista, acumula perdidas por varios miles de millóns de euros. As participacións en outras empresas e divisións (OHL Mexico foi a ruína absoluta do holding) derivaron nun furado de máis de 5000 millóns que estivo a piques de abocar ao concurso público a empresa. O único que evitou este fin foi, e segue sendo, a propiedade e a participación das empresas na produción de enerxía. Embalses, muíños de vento e acceso a materias primas. Algo co que case ninguén conta, a Villar Mir sáelle polas orellas. O xornal Económico Expansión publicaba onte esta nova: “Cerberus quiere comprar el área de energía de Villar Mir”. Cerberus é un grupo inversor, o popularmente coñecido coma “fondo buitre”, con sede en Nova York. A crise económica de 2008 trouxo a España varios fondos con estas características, e dicir, dispostos a buscar gangas no mercado inmoviliario. E, entre eles Cerberus Capital Management. Para realizar este tipo de operacións, o grupo creou unha filial, Promontoria Plataforma, da que nomeou conselleiro a… José María Aznar Botella. Si, o fillo. En setembro de 2013 e despois dun acordo con Bankia Habitat cambiou o seu nome polo de Haya Real Estate. En esta operación coa despois rescatada Bankia, cedíanse 457 empregados de Bankia e de Bankia Habitat á nova Haya Real Estate, segúndo se informou a Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV). Cerberus, un dos “fondos buitre” máis grandes do mercado, buscaba facerse con activos a baixo prezo en España, con especial interese nos da Sareb, o “banco malo” ó que se encargou a venda e liquidación de cantas desfeitas inmobiliarias se cometeron nos anos das vacas gordas. Non sei se sentides como vou compoñendo toda unha sinfonía de mangoneo e intereses cruzadas entre empresa e política (e PP, para ser exactos). En decembro de 2012 Cerberus, por medio da sua filial, adquiría os dereitos para 17 millóns de euros de activos da Sareb. A segunda operación de importancia supuña a cesión da xestión en exclusiva dos activos inmobiliarios e os préstamos promotores de BFA-Bankia para os seguintes 10 anos a empresa Promontoria Plataforma por un custe de 90 millóns de euros. BFA era a denominación que recibía o holding creado por Bankia para a compra de accións no mercado bursatil. Esta entidade perdeu a sua condición cando Bankia foi rescatada con cartos públicos e fusionouse (xunto coa súa débeda) coa caixa recén rescatada. Tamén se encomenda a esta empresa do grupo Cerberus a xestión dos activos que BFA comercializa para terceiros polo tempo que estén vixentes os contratos de xestión e administración existentes. Os contratos firmados contemplan a cesión da xestión dun volumen superior aos 12.200 millóns de euros brutos de activos inmobiliarios e de parte da débeda derivada de préstamos a promotores que figuran no balanzo do grupo BFA-Bankia. Pero Cerberus leva 2 anos derivando a outro mercado en España; renovables. Cerberus, que xa foi protagonista dos grandes movementos de reordenación que se están produciendo no sector das enerxías renovables en España afianzaría esa posición facéndose cos encoros do grupo Villar Mir. Cerberus xa se fixo hai meses con parte dos activos en bolsa de Renovalia, e busca socio para as renovables do grupo. Pero ollo, porque Expansión di textualmente que: “El proceso de venta, que está siendo supervisado por Javier López Madrid, ha atraído a diversas empresas, pero los fondos están mejor posicionados que las empresas energéticas”. Non di que o proceso “se estudiará” ou que “se está falando”. Di que o proceso está en marcha, que se busca comprador e que o mellor postor queda coas renovables. Non fala da venta de Ferroglobe, non. Fala só de enerxía. Así que temos un fondo buitre, con conexións directas co fillo de Aznar, co PP e a un fulano investigado pola Operación Púnica de financiamento irregular do PP xestionando a venda das renovables do Grupo Villar Mir…. e aínda credes que esto non está feito? Javier López Madrid está casado cunha filla de Villar Mir. Foi publicamente coñecido por figurar nunhas mensaxes da Raíña Letizia na que o calificaba de “Compi-yogui” e lle daba ánimos a raíz da investigación da que era (e é) obxecto pola súa participación no mercadeo de intereses e subornos que investiga a Púnica. López Madrid, segundo alguns medios, tería incluso quedado con parte dos cartos que o seu dadivoso sogro ten dado (en negro) ao PP a cambio de adxudicacións e favores… presuntamente. E López Madrid foi, tamén, membro da directiva de Caja Madrid que afundiu a caixa previamente a que o fixera de todo Rodrigo Rato. Aínda non vedes a conexión, non?. Vale, fareivos un diagrama… Lopez Madrid, amigo persoal do entón Príncipe Felipe, xenro de Villar Mir e que foi enchufado en Caja Madrid por Francisco Granados, membro de Bankia, que é comprada por Cerberus, é o encargado de decidir a quen vende as renovables do grupo que, segundo algúns aínda hoxe, non se poden segregar das fábricas. Que, aínda nada?. Bueno, calma. Futuro? Vou contarvos o que vai pasar nos próximos 6 a 12 meses e por extensión na proxima década. É probable que non acerte porque a forma de modificar titulares de prensa, anuncios, decisións e declaracións para que pareza que non está pasando o que vou describir é moita e diversa, pero a fin o que vai pasar vai diferir pouco do que vou describir de seguido. Si vedes que corro lede máis amodo, esto vai polos políticos locais que aínda crean que saben algo ou poden dicir algo en todo isto… un consello; calade a boquiña para non quedar aínda máis en evidencia. Nas próximas semanas ou meses anunciarase a compra dun paquete accionarial (senón o 100%) por decidir na participación das denominadas “renovables” do grupo Villar Mir. Pero, para os cortos de entendedeiras, que son realmente as renovables do Grupo Villar Mir? Falamos de VM Energía, unha división do grupo que xestiona “la producción de las siete plantas hidroeléctricas de Ferroatlántica, S.A. y de las cinco Hidro Nitro, S.A. que tienen una potencia total instalada de 210 MW y una producción en año medio hidráulico de 600 millones de kWh”. Esta definicion é, textualmente, a que figura na páxina web do grupo. Así, Cerberus farase coas renovables, pero cunha “firme oposición” da Xunta de Galicia. A fin e o cabo, Feijoo non ten nada que perder, sabendo como sabe en que vai acabar todo este conto. Dese xeito, o presidente da Xunta amosará a súa “máis firme negativa” e vetará a venda, en base a que “embalses e fábricas non poden ser segregadas”. Un xesto totalmente valdío, un brinde ao sol, porque, de ser preciso, o grupo acudirá os tribunais da competencia da UE que resolveran…. acordádesvos ao principio deste texto da “chapa” que metín pola importancia das directivas de competencia?, si?. Trátase dun galimatías lexislativo de textos cruzados, tratados, acordos e directivas que regulan que, por exemplo, unha empresa enerxética debe levar contas separadas do seu propietario cando este non sexa unha empresa produtora de enerxía. Ou que din que os medios de produción enerxética non poden ter como prioridade o suministro de enerxía a súa matríz, senón a rede. E dicir, si mañá hai unha seca brutal o encoro produce moito menos do habitual quen antes queda sen luz é…. adivinade. Despois do anuncio de compra virá o pranto e o rechinar de dentes. Mobilizacións (das de verdade, con centos de manifestantes, incluso miles), políticos falando tonterías, moito “todos a unha” e demais. Pero a esas alturas xa todos seremos bastante conscientes de que esto foi, é e será un “salvese o que poida” onde faltan basicamente dúas cousas: unidade e liderado. Nos 90 había líderes, persoas as que un podía seguir e das que fiarse en situacións límites. Hoxe carecemos de nada remotamente similar ao que encabezou aquelas movilizacións no ano 92 e un traballo fondo, silente, fixo posible que hoxe haia non poucos que crean que si pecha a fábrica non pasará nada. Aha… Datos económicos Datos do IGE (Ins. Galego de Estatística, para os profanos). A fábrica supón entre un 15% e un 25% do PIB en Cee, Dumbría, Fisterra, Muxía e Corcubión. A actividade económica principal, pola sua aportación ao PIB, é a metalurxia para Cee e Dumbría, a moita distancia do resto. O peche da fábrica suporía, en cartos, a perda de entre 25 e 40 millóns de euros anuais. Casi un de cada catro euros que hoxe se gastan deixarían de existir. Como sexa que as cousas nunca pasan a velocidade que a un lle gustaría para que quede claro que estan pasando, ninguén se dará conta real de todo isto. Pero aventúrome a dicir que en novembro de 2026, na fábrica de Cee so quedarán traballando uns 30 ou 40 operarios e a metade en Dumbría. E todo porque un trato entre amigos derivará na fin de máis dun século de actividade industrial nun lugar no que en 100 anos non fomos quen de repatir os ovos en cestos distintos. Dentro dun ano, o goberno Rajoy dirá que, lamentándoo moito, a xurisdición europea (ela, non a nosa, como si as directivas da UE naceran soas por xeración espontánea) impide que se vincule de forma real os encoros coas fábricas. “Pero tranquilos”, dirá, “solo son unos hilillos de miseria y pobreza”. E mentres eso pase, nos bares seguirán os estadistas de sempre ofrecendo análises do tipo “bueno, home, bueno”, ou o mais clásico “a min a fábrica nunca me dou nada”, todo un slogan na vila de Cee. Alo menos na vila de Cee que dou maioría a un presunto corrupto. Esa maioría. Nos seguintes 2 anos, e a medida que se reduce moi paseniñamente a actividade nas fábricas, a empresa consolidará un programa de baixas incentivadas, reducirá a sustitución de xubilados ao mínimo imprescindible e vendendo activos dentro dun plan de desinversións claramente detallado. Ao tempo, 2 de cada 4 negocios en Cee pecharán e 3 de cada 10 empregados no comercio e servizos iran ao paro. 5 anos despois, en 2021-22, a actividade nas fábricas terase reducido nun 40% e Cee será xa unha sombra de si mesmo, moi parecido a Vimianzo hoxe en día, coa metade de empresas de comercio e servizos que na vila da Xunqueira. A “Cidade en esencia” que algún postulou na época na que en Lisboa se firmaba o finiquito da relación entre de encoros e fábricas será só unha sombra de si mesma. A poboación emigrará de xeito masivo pero paulatino. Cee deixará de ser a única localidade en toda a Costa da Morte que non perde poboación e caerá por debaixo dos 6000 habitantes no umbral de 2025. Un auténtico cemiterio, onde a delincuencia aumentará exponencialmente ao tempo que o paro sube da actual cota do 17,89% a un escandaloso 30% que fará inviable vivir aquí. Así as cousas, a bisbarra carecerá de sentido. Coa pesca e a agricultura en crise permanente como únicos baluartes do emprego, o sector servizos desaparecerá ou se apuntará a traballar fóra producindo aquí, algo que algúns levan facendo con bastante cabeza dende hai anos. Para o resto, os que deban vender a pé de rúa, a sentencia é clara: marchar ou morrer. E aínda entón a moitos haberá que oilos dicir sen poñerse colorados que “a fábrica casi pechou, e tampouco foi para tanto”… ou pedir aire limpo e o peche da instalación para agora escribir sobre a importantísima necesidade de que sigan abertas as factorías de Ferroatlántica. Chega a hora de cobrar as débedas pendentes, me temo, e non vai quedar títere con cabeza, alomenos na política. Construímos un futuro viable? Diante de todo este panorama hai coma sempre duas opcións. Unha: seguir instalados no funeral, rezarlle responsos e rosarios ao defunto e laiarse da desaparicion da fábrica ou… Dous: comezar dende xa a construir un futuro novo, reclamar o que se nos “debe” (fin da autopista coa Coruña, autopista con Santiago, tren, poligonos baratos e axudas a inversión de emerxencia, etc…) e poñer en marcha plans claros e taxados que nos permitan afrontar unha perda coma esta sin que signifique a fin da vida na Costa da Morte. Porque, por si alguén pensa o contrario, en 2040 os xubilados en Cee deixarían de contar cunha das dúas mellores pensións medias por cotizante da bisbarra (uns 848€) para cobrar os 660 que hoxe percibe un pensionista, por exemplo, en Vimianzo. Esa é a diferencia entre unha pensión de asalariado da metalurxia e outro cotizante na agraria. Nin mais nin menos. Este é o panorama e crédeme si digo que ogallá esté equivocado. Ogallá a venda non se produza e dalgún lado saia un artículo que impida tumbar nos tribunais os vetos cos que supostamente conta a Xunta. Ogalla, aínda así, a fábrica non peche e todos e todas, unidos nunha soa voz, pidamos con claridade que tal cousa nunca pase. Ogallá que de entre o actual páramo no que nos movemos saian un ou unha líder que aglutine a uns e outros e nos mobilice e negocie por nos a forma e o modo en que faremos que, realmente, un peche da fábrica non signifique un final para a bisbarra. Temo que as débedas pendentes son tantas e tan profundas que nada de esto sexa así, pero… xa me equivoquie outras veces… non? Non?

Artigo relacionado

Novas do #CasoFerroatlántica

 

Máis novas

Verdades de José Luís Louzán en QPC

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

Comentarios