Unha decena de alcaldías socialistas demostran o avance do PSOE na Costa da Morte
O Carrusel Electoral dos plenos de investidura deste pasado sábado 15 de xuño, deixan cifras realmente interesantes. A presencia de 4 alcaldesas (3 do PSOE e unha do PP) durante esta lexislatura (houbo só unha nas anteriores) é un dato singular.
Sandra Insua, Mónica Rodríguez e Margarita Lamela son, xunto con Inés Monteagudo (PP de Muros) as alcaldesas da Costa da Morte
Tamén cómpre salientar que foron 8 os concellos da bisbarra que cambian de formación política na alcaldía, se ben foron 9 os que cambiaron de alcalde (o socialista muxián Iago Toba é novo pero do mesmo partido que xa gobernaba).
Pero sen dúbida, o dato máis destacado destas Eleccións Municipais 2019 é a cantidade de alcaldías que conseguíu sumar o PSOE, deixando patente que a #OndaPedroSánchez tamén se fixo ver na bisbarra.
Se xa foi a forza máis votada en toda a Costa da Morte (por pouco por diante do PP), mantendo a primeira praza en votos en 8 dos 18 concellos, a día de hoxe son 10 os concellos gobernados polo Partido Socialista (que foi primeira forza en 8 concellos), polas 7 alcadías que ostentaba na anterior lexislatura. O PSOE perdeu a alcaldía de Laxe pero recuperou as de Carnota (onde gobernaba BNG); Cee (onde gobernaba IxCee), Malpica (onde gobernaba PP), e Vimianzo (onde gobernaba Adiante Vimianzo, grupo que vencía as anteriores eleccións baixo o paraugas BNG).
Un PSOE que mantén 4 das 9 maiorías absolutas que se rexistraron nas Eleccións (repiten en Camariñas, Dumbría, Muxía, e alcanzan a de Ponteceso), por diante das 3 do BNG (repiten Carballo, Mazaricos e Zas) e as 2 do PP (que afianza a de Cabana e consegue a de Laxe).
Un PSOE que conseguíu manter alcaldías como a de Corcubión, cun pacto co único concelleiro de PACor, e que sumou forzas para batir a maioría simple do PP como aconteceu en Malpica, ou que mantivo a alcaldía en minoría como forza máis votada en Cee ou Vimianzo. Un PSOE que tamén entregou a alcaldía ao único edil de CxG en Santa Comba, apoiando a súa investidura cos seus 6 concelleiros, e batindo a maioría simple do PP.
Un PSOE que aproveitaba este domingo 16 de xuño para celebrar unha xuntanza de confraternización. Á chamada da nova alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, rexedores, concelleiros, e simpatizantes socialistas de toda a bisbarra achegáronse ás esculturas que Álvaro de la Vega ten colocadas no parque do recheo en Cee baixo o título «Os defensores das liberdades e dos dereitos humanos». Alí depositaron un ramo de rosas e leron un manifesto.
Á cita acodiron, de esquerda a dereita na foto principal, Jose Marcote (Fisterra), Mónica Rodríguez (Vimianzo), Sandra Insua (Camariñas), Lalo Insua (Corcubión), a propia Margarita Lamela (Cee), José Manuel Saborido “Moma” (Carnota), José Manuel Pequeño (Dumbría) e Iago Toba (Muxía). O malpicán Walter Pardo e o pontecesán Lois Carballido, xa do Partido Xudicial de Carballo, completan a decena de alcaldías socialistas na Costa da Morte.
Este foi o manifesto que leu Lamela:
Este é un acto de lembranza o recordo vivo de todos aqueles homes que perderon a vida inxustamente, por loitr e crer na liberdade. Este monumento “os defensores das liberdades e dos dereitos humanos” é testemuña viva de que as súas ideas no poideron matalas, senón floreceron; e nós, temos a obriga de contribuir a ese florecemento.
Co sacrificio das súas vidas crearon a semente que serviu para cimentar a gran xesta do pobo galego e español, como é a democradia que agora disfrutamos; acabando asi, co fanatismo e a intolerancia que foron culpables de milleiros e milleiros de mortos.
Quizais algúns pensen que a liberdade non fai felices ós homes, pero como dixo Manuel Azaña, OS FAI SINXELAMENTE, HOMES.
A liberdade e os dereitos humanos son bens común, e todos sen excepción, debemos ser partícipes, non podendo consenir de ningunha maneira que alguén intente dañalos.
Para rematar, e en recordo de todos aqueles que morreron polos intolerantes; poden ter a seguridade de que en todo tempo e circunstancias seremos fieis á loita das liberdades e dos dereitos humanos, xa que non podemos caer endexamáis noutra tan longa noite de pedra, como diría CELSO EMILIOR FERREIRO.
Carrusel Electoral
- O #CarruselElectoral deixa dúas grandes sorpresas e varias alcaldías en minoría.
- Walter Pardo, novo alcalde dun goberno tripartito PSOE-BNG-Cs.
- David Barbeira, alcalde de Santa Comba cun único edil gracias aos apoios do PSOE.
- Corcubión evita a estabilidade e Lalo Insua volve gobernar en minoría.
- Margarita Lamela, Inés Monteagudo e Mónica Rodríguez novas alcaldesas de Cee, Muros e Vimianzo.
- Juan García Pose, novo alcalde de Coristanco.