#ELECCIÓNS
As maiores sorpresas das Eleccións Municipais 2019
- Hai 9 maiorías absolutas, 4 do PSOE, 3 do BNG e 2 do PP.
- O PSOE foi primeira forza en 8 concellos; o PP en 7 e o BNG en 3.
- 5 mulleres perfílanse como alcaldesas

Emocionante noite electoral a que se viviu este pasado domingo 26 de maio. Unhas Eleccións Municipais que deixaron unha inusual e importante influencia da marea vermella que invadiu as Xerais, permitindo que o PSOE mesmo fose a primeira forza política en 8 concellos, polos 7 do PP e os 3 do BNG.
Un dato salientable é que nesta lexislatura é posible que teñamos 5 alcaldesas na Costa da Morte (Sandra Insua (PSOE) en Camariñas; Margot Lamela (PSOE) en Cee; previsiblemente Inés Monteagudo (PP) en Muros, onde as catro candidatas son mulleres; María Pose (PP) en Santa Comba; e Mónica Rodríguez (PSOE) en Vimianzo.
Quedan agora 3 semanas, ata o 15 de xuño, data na que se terán que dilucidar as novas corporacións, máis movidas por algún concello que por outro.
8 maiorías absolutas
Resultados esperados poden ser as maiorías absolutas ratificadas como as do popular José Muíño en Cabana, a de Sandra Insua en Camariñas; a do nacionalista Evencio Ferrero en Carballo; a do socialista José Manuel Pequeño en Dumbría; a do nacionalista Juan José Blanco en Mazaricos ou a do tamén alcalde do BNG Lolo Muíño en Zas.
A estas 5 maiorías absolutas, hai que sumar outras non tan esperadas, como as dos socialistas Iago Toba en Muxía, e Lois Carballido en Ponteceso, onde o BNG quedou sen representación por 1 voto, servindo de perfecto exemplo do efecto das Xerais.
Tampouco parecía esperada a maioría absoluta de Pérez Añón no PP en Laxe. O PP arrebata así o goberno de coalición entre PSOE e BNG.
Os grandes envorcos
Outros dos grandes exemplos do avance socialista déronse en Carnota, Cee e Vimianzo.
En Carnota, Milucho Louro perde a maioría absoluta que acadara Moncho Noceda, e José Manuel Saborido “Moma” perfílase como novo alcalde, en minoría, ou apoiado polo propio BNG, onde terá que ser a Asemblea a que decida que facer.
Margarita Lamela formúlase como posible alcaldesa da vila da Xunqueira, pero cun goberno de minoría, pois as forzas están complicadas para sumar (parece pouco probable que se poidan facer pactos co IxCee que si darían maiorías a PSOE ou a PP co axuda de Cs).
Por Vimianzo, a unificación do Partido Socialista arredor de Mónica Rodríguez fíxolle multiplicar por 5 os resultados de 2015, superando a nova lista de Manuel Antelo en Adiante Vimianzo.
Cambio de panorama
En Santa Comba dase un cambio de papeis entre PSOE e PP con respecto a 2015. O PP, tras 2 anos de goberno tras unha moción de censura con Terra Galega, co que ademais protagonizou unha fusión, supera a un PSOE que perde máis de 200 votos. Así, haberá que ver se María Pose segue gobernando en solitario ou se pode apoiar na nova forza que irrumpe no pleno, o Compromiso por Galicia de David Barbeira.
Eleccións repetidas en Muros e Fisterra
Un calco das de 2015 foron as eleccións 2019 en Muros, onde as 4 candidatas deixarán de novo unha alcaldía en feminino. En 2015, a abstención de PSOE permitiu que CxG, como terceira forza, dirixise o pleno durante esta candidatura. A lista de María Xosé Alfonso foi a única que subiu en votos pero non lle chegou para superar nin a PP, que foi a primeira forza, nin a PSOE. Veremos que acontece, pero de primeiras podería ser Inés Monteagudo a que gobernase en minoría.
En Fisterra tampouco houbo demasiados cambios, e parece que o goberno de coalición entre PSOE e BNG (o único que subiu) poderá continuar co traballo feito durante estes 4 anos, superando así a un PP que volveu ser primeira forza, mesmo subindo 1 concelleiro a pesar de ter 2 votos menos que en 2015. Así, Pepe Marcote parece que seguirá como alcalde.
Situacións pendentes de Pactos
Concellos como Corcubión vivirán semanas complicadas para a formulación do novo goberno. A irrupción de Sempre Corcubión-Marea deixa un panorama no que un posible tripartito BNG-Sempre Corcubión-PACor sacaría da alcaldía a aínda primeira forza, o PSOE de Lalo Insua. Non é descartable tampouco que os socialistas cheguen a un pacto coa nova formación.
O sainete coristanqués tamén terá unha dificil solución, pois dificilmente se pode sumar unha maioría. O renovado PP volve ser primeira forza co novo candidato, Juan Carlos García Pose, por diante dun Terra Galega ao que non lle dan as contas para volver á alcaldía. Como segunda forza queda o novo partido de Pensado Plágaro, despois de ser expulsado do PP polos seus eternos líos xudiciais, que non impiden que 821 veciños o voten. O BNG queda como 3ª forza, con 1 edil, como PSOE e o novo partido do aínda alcalde Abraham Gerpe (expulsado do PSOE, lembren pola esperpéntica moción de censura na que 6 edís do PP lle deron a alcaldía en 2017).
Pactos cantados
Na sección dos pactos cantados aparece Malpica, onde o PP perde unha maioría absoluta que Eduardo Parga poderá sumar co apoio de Alfredo Cañizo, que conseguiu un edil coa marca Ciudadanos. O PSOE, que case triplica en votos, non chegaría a alcaldía sumando os seus 4 edís aos 2 do BNG, que resucita no concello oleiro, duplicando votos.
Máis información
- Os resultados das #Eleccións Municipais2019 na Costa da Morte, Concello a Concello.
- Eleccións Europeas: Ana Miranda mantén o escano como Eurodeputada tras unha clara vitoria socialista.
- Eleccións Xerais 28A 2019: O PSOE gaña incluso na Costa da Morte.
- Resultados das Eleccións Municipais 2015 na Costa da Morte.