9Louro encherá de trap galego o San Xoán carballés
Despois de encher esta pasada fin de semana a Praza da Quintana de Compostela e o Campo da Leña da Coruña, o artista muradán 9Louro ten unha cita co San Xoán de Carballo. A capital bergantiñá acollerá na Praza do Concello o seu concerto o 26 de xuño, no que será unha festa da música galega máis innovadora, unindo o trap á nosa lingua.
A súa carreira profesional arrincou en 2024 co lanzamento do seu primeiro álbum, Nove noves, da man do produtor Yuly. Aló por comezos do 25 presentaba "Eu e ti", pero o punto de non retorno chegou a finais de 2025 cun fito histórico: o artista encheu a igrexa da Universidade de Santiago nun concerto gratuíto que deixou a ducias de persoas ás portas.
Aquel aviso converteuse en proxección internacional coa súa actuación no festival Emigrason de Bruxelas (na mítica sala Tricoterie), unha cita clave para a música en galego no corazón de Europa. Ao seu regreso, 9Louro deu outro golpe definitivo na mesa: esgotou as entradas para a Sala Capitol de Santiago en tan só 30 minutos.
O concerto na Praza do Concello será a oportunidade perfecta para gozar en directo de Amorrer, o seu segundo álbum de estudio lanzado o pasado 19 de febreiro de 2026. Un traballo composto por 14 temas que consolidan o seu universo propio. Nel, o amor, o desamor, o sexo, as noites longas e unha marcada melancolía xeracional conviven a golpe de trap, bases electrónicas e momentos orgánicos.




