![061-costa-da-morte]()
Juan Antonio Villar, Juan Manuel Trillo, Pilar Rioboo, José Ángel Insua e Maite Sanchez participaron na actividade cos escolares
Varios membros das
bases do 061 de Vimianzo, Ponteceso e Carballo participaron onte nun acto que tivo lugar na Cidade da Cultura e no que participaron ao redor de 250 nenos e e nenas, preto de 160 profesores de Educación Primaria e Secundaria e uns 30 instructores en soporte vital básico de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
As Consellerías de Educación e Sanidade apostas así pola
formación temperá en soporte vital básico (SVB) coa celebración deste adestramento masivo. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, lembrou durante o acto a importancia da formación nas técnicas de soporte vital básico á poboación en xeral e aos máis novos en particular como un dos elos da cadea de supervivencia, integrada ademais pola activación inmediata do sistema de emerxencias, a masaxe cardíaca de calidade e a desfibrilación semiautomática precoz.
A importancia de concienciar á sociedade do recoñecemento dos sinais de morte súbita, así como das técnicas para a reanimación cardiopulmonar básica é fundamental, xa que a realización de manobras de soporte vital básico por testemuña duplica as posibilidades de supervivencia da vítima e minimiza as posibles secuelas.
Pola súa parte, o conselleiro de Educación explicou que o seu departamento está a a abordar as situacións de emerxencias e de tratamento das enfermidades crónicas nos centros educativos a través de formación, tanto de docentes coma de alumnos. Así, o 061 imparte formación para o profesorado en materia de urxencias sanitarias a través da rede de formación nos sete Centros de Formación e Recursos galegos, uns cursos que este ano académico está previsto abrir tamén, e por primeira vez, ás familias. A través desta acción, do programa RCP na Aula e do adestramento masivo de hoxe, tense prestado apoio formativo a case 500 docentes.
Formación escolar
Actualmente, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a través dun convenio de colaboración entre as Consellerías de Sanidade e Educación, desenvolve o
programa RCP na Aula, que facilita a formación en técnicas de soporte vital básico aos escolares de 12 anos na Comunidade galega. Entre os meses de xaneiro e xuño deste ano, o programa RCP na Aula deu formación en manobras de SVB a máis de 3.700 escolares.