A Fedanpas maniféstase “Dereitos, non parches”
Este mércores 9 de outubro, a Federación de ANPAS Coruña-Costa da Morte participará na concentración ás 11 da mañá diante do edificio administrativo de Monelos (na Coruña) baixo o lema “Dereitos, non parches”. Unha reivindicación polo dereito á atención á diversidade nos centros educativos, i é que a falta de diñeiro para contar con profesorado en xeral e de orientación (PT, AL, Orientador@s, coidador@s) e recursos para a atención á diversidade nas aulas é para as ANPAS “tan só é unha excusa”.
“Está na man do goberno solventar o que está negando día a día, curso a curso… Que se recorten os soldos dos altos cargos, os vitalicios... ou que os despidan, para nada queremos a aquelas persoas que trafican co futuro das nosas fillas e fillos”, sinalan con rotundidade dende a Federación Provincial de ANPAs da Coruña - Costa da Morte.
Por que é un problema de todos?
- Porque son recursos que calquera nena ou neno pode precisar nun determinado momento.
- Porque a falta de apoios fai que o desenvolvemento do aula sexa máis complicado, especialmente en aulas saturadas.
- Porque permitir que o alumnado con dificultades quede sen atención é ensinarlles a todos a abandonar a quen precisa axuda.
- Porque este curso eliminaron persoal de atención á diversidade, pero o curso que ben poderían eliminar mestres de primaria, de infantil, de idioma…
- Porque este ano son unhas escolas e, se non facemos nada, pode tocarlle a outras
- Porque xuntas e xuntos é o único xeito de lograr unha educación de calidade para todo o alumnado.
- Porque non podemos permitir que se recorte na educación dos nosos fillos e fillas.