"Galicia, pueblo a pueblo" volveu a Sestao para difundir o Xacobeo 21-22
- A Agrupación Fillos de Galicia de Sestao celebrou a VII edición do "Herriz Herri", esta exposición enfocada na difusión do Camiño e o Xacobeo 21-22

Nin a forte onda de calor, nin os festivais, nin as vacacións foron un impedimento para celebrar a VII edición do Herriz Herri en Sestao. Un fin de semana repleto de actividades culturais, educativas, gastronómicas, musicais e turísticas onde todo tipo de público puido gozar e coñecer máis de cerca Galicia. Non faltou a feira do polbo e de artesanía, nin as catas de viños galegos con maridaxe polos diferentes locais da cidade de Sestao, nin a queimada, nin os embutidos de porco celta, nin as xianas, nin o folclore galego a cargo de Os Jarteiriños-A Nosa Xente e Asubíos da Chaira, nin os ritmos máis bailables do grupo Norte, Placton e da charanga cimarrona O Orixinal.
Os máis pequenos puideron gozar dunha viaxe polo Camiño de Santiago e coñecer de primeiro man a súa historia, lugares de interese e, a través dos contacontos e os monicreques, reviviron escenas da cultura tradicional galega.
A inauguración oficial dos actos programados para esta VII edición correu a cargo da Excma. Sra. Alcalde de Sestao e a corporación municipal ademais da presidenta e a xunta directiva da Agrupación Fillos de Galicia. O artista Roi Casal deleitou aos asistente co seu marabilloso traballo "Son galego, son cubano" e ofreceu unha instrutiva e divertida clase maxistral sobre a historia da arpa vinculada ao Camiño de Santiago.
As prazas de Kasko e Santo Pedro acolleron a maioría das actividades e as rúas da cidade gozaron da música máis tradicional durante todo o fin de semana. Galicia, pueblo a pueblo dispuxo unha gran carpa- exposición na praza de Santo Pedro repleta de información sobre o camiño e Galicia facilitada por Turgalicia.
A plataforma embaixada.gal presentou, ademais de diversos documentais elaborados para a ocasión, a Expo "O Camiño, visións dende a emigración". Unha marabillosa selección de cadros e fotografías realizados por emigrantes galegos, amante de Galicia, nenos e non tan neno... que non se dedican nin á pintura nin á fotografía pero souberon plasmar con gran talento a visión do ano santo e o sentir do Camiño de Santiago.
Un precioso traballo que recibiu unha gran acollida no País Vasco e que de aí viaxou para ser exposta na Costa da Morte.
