Venres. 19.04.2024
El tiempo

Holanda volve buscar fontaneiros na BDT de Carballo

Holanda volve buscar fontaneiros na BDT de Carballo
Reunión de fontaneiros en Carballo

Nova ocasión laboral para os fontaneiros da Costa da Morte. A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo colabora por segunda vez cunha empresa holandesa que precisa contratar fontaneiros. Desde Holanda desprazouse esta semana ata a nosa vila un representante da empresa co obxectivo de manter un primeiro contacto cos candidatos, un total de 15 profesionais chegados desde toda Galicia e tamén de Asturias, que se deron cita no Fórum Carballo para participar no proceso de selección.

O auxe da construción que está a vivir Holanda e a escaseza de man de obra cualificada, sobre todo en instalación de calefacción, son factores determinantes á hora de buscar persoal no norte de España, principalmente. Ao igual que no proceso que se levou a cabo o ano pasado, a empresa require fontaneiros de primeira e de segunda, que deben xustificar tres anos de experiencia como mínimo e que, preferentemente, aínda que non é imprescindible, deben saber manexarse en inglés. Inicialmente, os contratos son de catro meses de duración. A empresa corre con todos os gastos, tanto de desprazamento coma de aloxamento. Antes de empezar a traballar os profesionais deben realizar un curso de prevención de riscos específico (non están homologados os que se imparten en España) e asígnaselles un número de identificación fiscal para que poidan asinar o contrato. A xornada laboral é de 7 a 15 horas, e os fontaneiros traballan en grupos de dous.

A convocatoria realizada no pasado mes de marzo tivo moito eco. Dos 20 candidatos entrevistados foron contratados 12, que a día de hoxe seguen a traballar en Holanda. Nesta ocasión presentáronse 15 profesionais interesados, e pecháronse outras 8 contratacións. Este ano a empresa prevé que precisará cubrir un total de 75 prazas, polo que é máis que probable que se abran novos procesos de selección.

A BDT ten as portas abertas tanto a empresas que anden á procura de man de obra coma de persoas que estean a buscar traballo ou que queiran mellorar a súa situación laboral. Para calquera deles/as está dispoñible o número de teléfono 981709011.

Comentarios