A illa Lobeira, moito máis limpa polo Día Mundial dos Océanos
Que mellor que unha limpeza voluntaria polo Día Mundial dos Océanos. Así o consideraron máis de 30 voluntarios que se apuntaron á limpeza da Illa Lobeira Grande este pasado sábado 8 de xuño. Da man das motos de auga de Surf Costa da Morte, e coa colaboración de empresas náuticas comprometidas co medio ambiente como Naturfis, AdventurÉzaro, Navega Finisterre e a Navieira Jalisia do Robinson da Lobeira, a simbólica illa quedou máis que limpa.
Toda a flota (ao final animouse tamén Rogelio co seu barco) saíu arredor das 11:00h cara a Lobeira. Á chegada, foron desembarcando, e mentres uns se ocupaban do lixo máis pequeno, outros enredaron cunhas estruturas dun contedor que hai na illa dende hai moitos anos, e que aínda precisará de varias viaxes máis e dunha serra para ir despezándoo e traendo a terra.
Foron máis de 10 bolsas de lixo grandes, cheas de ferrallas, chapas, corchos, mogollón de pezas de barcos afundidos… as que rescataron da illa nas case dúas horas de limpeza. Ao remate, como non, outro par de horas de xantar en común, antes de voltar con todo o lixo para a península.
A xente volveu con gañas de repetir, e a idea de Rubén Prieto é repetilo ao final do verán.
Voluntarios na Illa Lobeira-Foto-Quino Pais